Publicador de contidos
Publicador de contidos

Solicitadas 131 batidas en once días de emerxencia cinexética polo xabaril

Solicitadas 131 batidas en once días de emerxencia cinexética polo xabaril

A declaración de emerxencia afecta o 80 % do territorio galego

Durante a tempada de caza 2021-2022 capturáronse máis de 18.000 xabarís

Os avisos por niños de vespa velutina aumentaron case un 60% con respecto a 2022

G24.gal 27/09/2023 17:16 Última actualización 27/09/2023 18:21

Nos once días de emerxencia cinexética en Galicia contra o xabaril, declarada o pasado 15 de setembro, solicitáronse un total de 131 batidas de caza contra este especie, segundo informou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

En resposta a unha pregunta oral do PPdeG na sesión plenaria do Parlamento galego, a conselleira agradeceu aos tecores e asociacións de cazadores esta actividade cinexética extraordinaria, ao amparo da declaración de emerxencia, que afecta a 37 comarcas de Galicia e abarca 248 concellos, o 80 % do territorio galego.

Sobre a presenza dos xabarís nas contornas urbanas, a conselleira indicou que é competencia dos municipios, pero que a Xunta colabora coas entidades locais para axudar coa colocación de gaiolas-trampa para capturar exemplares.

A Xunta asumirá os gastos de adquisición, transporte e instalación das gaiolas e dará as autorizacións, mentres que os concellos deben determinar a localización para estas trampas e encargarse da xestión completa dos animais capturados. 

Durante a tempada de caza 2021-2022 capturáronse un total se 18.398 xabarís.

Multiplícanse os avisos por nidos de vespa velutina

Os avisos recibidos a través do teléfono 012 sobre a presenza de niños da avespa velutina multiplicáronse este ano con respecto ao 2022. Recibíronse un total de 43.000 fronte a uns 27.500 do ano pasado, o que supón case un 60 % máis.

Explicouno o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, en resposta a unha pregunta oral do BNG no pleno do Parlamento. 

Do total de avisos recibidos, 6.000 foron derivados directamente ao servizo de emerxencias 112, que os traslada aos parques de Bombeiros dos diferentes municipios, polo seu especial risco ao atoparse no interior de vivendas habitadas ou en lugares de concorrencia pública.

En total este ano retiráronse un 40 % máis de niños, un total do 20.800 entre xaneiro e setembro, o que supón uns 6.000 máis que no mesmo período de 2022. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade