SOS Sanidade Pública anima a ir á manifestación deste domingo fronte á “deterioración” do sistema
SOS Sanidade Pública anima a ir á manifestación deste domingo fronte á “deterioración” do sistema
A plataforma que convoca a protesta asegura que "era un exemplo e agora ten moitas deficiencias”
"Uns investimos en sanidade, outros en pancartas", asegura o conselleiro de Sanidade
A plataforma SOS Sanidade Pública convoca a poboación para participar na manifestación deste domingo en Santiago de Compostela para denunciar a “deterioración dunha sanidade que era exemplo” e esixir melloras.
O portavoz de SOS Sanidade Pública e médico de familia na Coruña, Ramón Veras, denunciou este mércores a “falta de acceso sanitario” que hai actualmente e denunciou que “non se están dando datos sobre as lista de espera”.
A plataforma convocou a cidadanía para “encher” Santiago este domingo ás 13:00 horas nunha marcha que irá da Alameda ao Obradoiro baixo o lema “Pola sanidade que queremos e merecemos”, como avanzou Demetrio Vázquez, tamén membro de SOS Sanidade Pública.
Vázquez criticou a “deterioración dunha sanidade que era un exemplo e que agora ten moitas deficiencias”, e denunciou “as listas de espera, que cada vez empeoran máis”, con tempos que son, ao seu xuízo, “inadmisibles”.
Así, Vázquez lamentou que se trata de “unha campaña de deterioración intencionada para que a xente acuda directamente á sanidade privada”.
Preocúpalles tamén que haxa “unha sanidade de primeira para os que viven en cidades e unha atención de segunda para os que viven en zonas rurais”, onde, informou Demetrio Vázquez, hai problemas como “falta de pediatras ou peches de centros de saúde”.
O portavoz Ramón Veras lembrou que outro motivo para ir á manifestación do domingo é denunciar “a incompetencia na xestión” da Xunta, aínda que engadiu que a mensaxe vai para todos os partidos políticos, pois esta manifestación organizouse antes de que se convocasen as eleccións do 18 de febreiro.
SOS Sanidade Pública defende trece “medidas urxentes” para abordar e resolver temas como “a situación laboral do persoal, problemas de familias por pediatría, a falta de avance do servizo de xerontoloxía, a dependencia ou a saúde mental”.
Comesaña: "Uns investimos en sanidade, outros en pancartas"
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, criticou a manifestación convocada para o vindeiro domingo en Santiago e reprochou que mentres a Xunta inviste neste servizo público, "outros invisten en financiar pancartas".
Comesaña dixo que "todo é mellorable", pero considera que a sanidade pública galega "está nun nivel excelente".
"Mentres uns investimos en tecnoloxía e nos mellores tratamentos posibles para os pacientes, outros invisten en financiar autobuses pancartas e escenarios para seguir desprestixiando a sanidade pública", comentou durante unha visita ao Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, en Santiago.
Comesaña admitiu que hai un problema na sanidade pública coa falta de médicos, pero "curiosamente os que financian as manifestacións, os autobuses e as cuñas publicitarias son os que sistematicamente votan que non ás medidas que poñemos encima da mesa para que haxa máis profesionais, iso terán que explicalo eles".
En todo caso, destacou o que a sanidade pública "avanzou estes anos", e negou que haxa menos pediatras, á vez que puxo en valor que hai máis de 700 profesionais traballando na atención primaria e "seis mil traballadores máis no Sergas".