Stellantis Vigo reduce a súa proposta de ERE a un máximo de 80 traballadores e os días de ERTE a 75
Baixan así 10 empregados no límite do ERE e 10 días no do ERTE respecto ao proposto anteriormente
Os sindicatos decidirán na xuntanza do mércores 12 de febreiro se aceptan ou non
![Imaxe de arquivo da planta de Stellantis en Vigo (Europa Press / Stellantis)](https://www.g24.gal/prog24/2024/20240923/stellantis-ep.png)
A dirección de Stellantis Vigo fixo este venres unha nova proposta a sindicatos para os expedientes de regulación de emprego que planifica para este 2025. A proposta de ERE baixará de 90 a 80 traballadores e a de ERTE de 85 a 75 durante este 2025.
En concreto, segundo fontes sindicais, a compañía automobilística propuxo que o ERE afecte como máximo a 80 empregados de forma voluntaria cunha indemnización calculada baixo criterios recollidos no estatuto dos traballadores para aqueles menores de 59 anos.
Para os que teñen 59 anos haberá indemnizacións máximas de ata tres veces o salario anual bruto, mentres que para os de 60 será de ata 2,5 veces, ata dúas veces para os de 61 e unha vez para os de 62.
En canto ao ERTE, a proposta de Stellantis baixa a 75 xornadas individuais, das cales 50 serán ata finais do primeiro semestre e se é necesario sumaranse 25 máis, tendo que consumirse 20 días de bolsa de horas antes de poder acollerse ao ERTE.
Agora, os sindicatos terán que someter esta proposta a votación e decidir no próximo encontro, o mércores 12, se se acepta ou non.