Taiwán denuncia o seu bloqueo no inicio das manobras militares da China
Taiwán denuncia o seu bloqueo no inicio das manobras militares da China
Pequín emprega fogo real, con mísiles de longo alcance, nunha manobras iniciadas menos de 24 horas despois da visita de Pelosi á illa
Menos de 24 horas despois da visita a Taiwán da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, A China iniciou manobras militares con fogo real arredor da illa, consideradas por Taipei como un "bloqueo" e unha "violación dos seus dereitos", e que incluíron o uso de mísiles de longo alcance.
As manobras causaron o peche do espazo marítimo e aéreo en seis zonas ao redor da illa, unha delas a uns 20 quilómetros da costa de Kaohsiung, a principal cidade do sur de Taiwán.
Os exercicios, que se prolongarán ata o domingo, incluíron hoxe prácticas de tiro con artillería de longo alcance, con "múltiples tipos de mísiles convencionais", fronte á costa leste de Taiwán, misión en que os proxectís "deron no albo con precisión" e que foi "completada con éxito", segundo as autoridades chinesas.
Segundo o portavoz do Comando, Shi Yi, as prácticas tiñan como obxectivo "poñer a proba a precisión" dos mísiles e a súa "capacidade de exclusión aérea". Esta tarde cesou o bloqueo do espazo aéreo e marítimo fronte ás costas occidentais de Taiwán.
A carteira de Defensa de Taiwán asegurou que tivo "coñecemento instantáneo" do lanzamento dos mísiles grazas a tarefas de "recoñecemento e vixilancia", á vez que condenaba as accións por "perturbar a paz na rexión", mentres que desde Pequín din que avisaron con 36 horas de antelación.
Horas antes, Taiwán rexistrara a entrada de 27 avións militares chineses no seu autodefinida Zona de Identificación de Defensa Aérea, contra a cal o seu Exército activou unha patrulla aérea de combate, emitiu advertencias por radio e despregou sistemas de defensa por mísiles para monitorizar os aparellos chineses.
O Ministerio taiwanés divulgou, así mesmo, que forzas taiwanesas tiveron que disparar onte á noite bengalas en dúas ocasións para escorrentar a un dron militar chinés que sobrevoaba as inmediacións das illas Kinmen, controladas por Taipei. Nas últimas décadas, estas illas foron obxectivo de bombardeos por parte da China cando as tensións entre Taipei e a illa alcanzaron as cotas máis altas.
A China reclama a soberanía sobre a illa e considera a Taiwán unha provincia rebelde desde que os nacionalistas do Kuomintang se repregaron alí en 1949, tras perder a guerra civil contra os comunistas.