Taylor Swift fai historia nos Grammy
Taylor Swift fai historia nos Grammy
A artista norteamericana gaña o premio a mellor álbum do ano por cuarta vez
Billie Eilish gañou na categoría de canción do ano e Miley Cirus, mellor gravación e mellor actuación pop en solitario
Unha explosiva Dua Lipa abriu a 66 edición dos Premios Grammy, unha gala marcada pola presenza feminina e que tivo réplica logo no palmarés. As mulleres acapararon os premios musicais nas principais categorías.
Un dos momentos máis emotivos da noite foi a reaparición por sorpresa da cantante canadense Celine Dion, que está atravesando unha dura enfermidade. Foi a encargada de entregar o premio a mellor álbum do ano, galardón que ela mesma recibira hai 27 anos.
É a maior estrela musical do momento, e continúa agrandando a súa estatura artística. Co premio a mellor álbum do ano por Midnights, Taylor Swift convértese na primeira artista en conseguir catro premios nesta categoría. "Encantaríame dicirlles que este é o mellor momento na miña vida, pero síntome así de feliz cando remato unha canción", dixo. Taylor Swift suma xa 14 Grammys.
Os outros nomes propios da noite foron Billie Eilish, que levou o premio á mellor canción do ano por What i was made for?, tema que compuxo para a película Barbie. E Miley Cyrus, co seu tema Flowers, a poderosa mensaxe de apoderamento feminino posruptura, alzouse como mellor gravación e mellor actuación de pop solista, os dous primeiros gramófonos da súa década de carreira musical. "Este premio é asombroso, pero realmente espero que non cambie nada; porque a miña vida era fermosa onte", asegurou.
Polo demais, a cantante e compositora Phoebe Bridgers levou catro premios; Victoria Mónet foi recoñecida como mellor nova artista e a colombiana Karol G levou o premio a mellor álbum de música urbana.
Na homenaxe aos artistas falecidos en 2023, emotiva lembranza a Sinead O'Connor na voz de Annie Lennox ou a Tina Turner.