Teresa Ribera ocupará unha das vicepresidencias executivas na Comisión Europea
Teresa Ribera ocupará unha das vicepresidencias executivas na Comisión Europea
A vicepresidenta terceira do Goberno español farase cargo da carteira de Transición Limpa, Xusta e Competitiva
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentou este martes o novo executivo comunitario no que Ribera deberá "guiar o traballo para asegurar que Europa está no camiño correcto" para cumprir coas súas metas climáticas e "descarbonizar e industrializar" a economía europea ao mesmo tempo
Teresa Ribera, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, será vicepresidenta executiva na próxima Comisión Europea liderada pola alemá Ursula von der Leyen.
Ribera, desde o seu posto no executivo comunitario, ostentará a carteira de Transición Limpa, Xusta e Competitiva, e terá entre as súas responsabilidades a da Competencia.
A presidenta da CE, Von der Leyen, ao anunciar o nomeamento de Ribera asegurou que a súa responsabilidade será "guiar o traballo para asegurar que Europa está no camiño correcto" para cumprir coas súas metas climáticas e "descarbonizar e industrializar" a economía europea ao mesmo tempo.
Von der Leyen presentou este martes a estrutura do futuro colexio de comisarios e explicou que os seis vicepresidentes executivos con que contará terán, ademais de responsabilidades horizontais sobre varios portafolios, unha carteira propia.
No caso de Ribera será esa carteira de Competencia, unha das que ten máis peso dentro do Executivo e desde a que se encargará de autorizar operacións corporativas de dimensión europea ou evitar que as grandes compañías abusen da súa posición de dominio no mercado, entre outras tarefas.
"É unha honra que asumo de forma humilde e comprometida"
Logo de coñecerse o nomeamento Ribera dixo que a súa carteira pode "contribuír de forma moi importante a mellorar a competitividade europea pensando nas persoas e nos límites ambientais".
Tras coñecerse a nova Comisión Europea, Ribera dixo aos xornalistas que é "unha honra" esa responsabilidade que asume de forma humilde e comprometida. "A presidenta (Ursula von der Leyen) fixo unha proposta que reflicte ben os grandes desafíos que temos por diante", dixo.
Teresa Ribera encabezou a candidatura do PSOE nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, pero non chegou a tomar posesión da súa acta á espera deste nomeamento. O Goberno español oficializou semanas despois deses comicios a súa candidatura a ocupar un posto de comisaria no Executivo comunitario.
Sánchez di que España logra a súa maior influencia na UE
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afirmou este martes que co nomeamento de Teresa Ribera como primeira vicepresidenta executiva da Comisión Europea España logra "a maior cota de influencia que tivo nunca en Bruxelas".
Así o asegurou Sánchez na rede social X. Tras darlle os seus parabéns por ese nomeamento, o xefe do Executivo subliñou que se trata dunha magnífica noticia para Europa e un orgullo para España.
Enhorabuena, querida @Teresaribera, por tu designación como primera vicepresidenta ejecutiva de la Comisión Europea, encargada de impulsar una doble transición que sea limpia, justa y competitiva.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) September 17, 2024
Es una magnífica noticia para Europa y un orgullo para nuestro país.
Tu…
"A túa determinación e liderado no Goberno de España convertéronse nun exemplo para todos, e agora poderás defender eses mesmos valores desde o corazón de Europa", engadiu Sánchez.
O presidente do Goberno, que deberá nomear outra persoa para substituír a Ribera no Executivo, recalcou que a UE gaña "unha líder excepcional". "Botarémoste moito de menos", concluíu.
Na mesma liña que Sánchez manifestouse a ministra portavoz do Goberno, Pilar Alegría, quen destacou que supón "a maior influencia" que xamais tivo España en Europa.
España conta a partir de agora en Europa "cunha muller como número dous", co que "gaña España e gana Europa", afirmou Alegría.
Novo executivo comunitario
Von der Leyen completou a lista de vicepresidentes executivos co actual ministro francés de Asuntos Exteriores, Stéphane Séjourné, como vicepresidente executivo de Prosperidade e Estratexia Industrial, e co actual ministro de Asuntos Europeos italiano, Rafaele Fitto, como vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas.
As outras vicepresidencias recaen na finlandesa Henna Virkunnen (Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia), a romanesa Roxana Minzatu (Persoas, Habilidades e Preparación).
A alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, xa designada en xullo pasado será Kaja Kallas, quen fora primeira ministra de Estonia.
Doutra banda, o comisario de Economía será o actual vicepresidente económico, Valdis Dombrovskis, que ademais foi nomeado para asumir a carteira de Implantación e Simplificación, na que responderá directamente ante a xefa do Executivo comunitario.
Ademais, a comisaría de Servizos Financeiros e a Unión de Aforros e Investimentos recaerá, se é confirmada posteriormente pola Eurocámara, na portuguesa Maria Luís Albuquerque.
"A mensaxe clave é que sen importar de onde vingamos e o cargo temos que traballar xuntos. Teremos debates abertos, seremos independentes no noso pensamento e acción e o noso único punto de partida será o interese europeo e farémonos responsable de todo o que decidamos", dixo Von der Leyen tras presentar o novo equipo.
Unha vez presentado o chamado Colexio de Comisarios, o Parlamento Europeo emprenderá nas próximas semanas unha análise dos conflitos de intereses, currículo, prioridades políticas e méritos de cada un dos nomeados para acceder ao cargo, e pode vetar os candidatos se non lles convence o perfil. En 2019, a Eurocámara rexeitou tres propostas.
Da rapidez dese proceso parlamentario dependerá a data na que a nova Comisión Europea comezará a exercer as súas funcións, que oficialmente está prevista para o 1 de novembro.