Todo a punto no Reino Unido para a cerimonia de coroación de Carlos III
Todo a punto no Reino Unido para a cerimonia de coroación de Carlos III
Os actos comezan esta tarde cunha recepción ás casas reais chegadas de todo o mundo
Todo está preparado para unha xornada histórica no Reino Unido. Será a primeira cerimonia de coroación dun rei en 70 anos. Foi no 1953 cando Isabel II recibía a coroa nun acto solemne que por primeira vez o mundo seguía desde a televisión. Os actos de coroación de Carlos III comezarán esta mesma tarde cunha recepción oficial no Palacio de Buckingham á que asistirán as casas reais chegadas de todo o mundo. Serán máis dun milleiro de convidados os que acompañarán neste acto a familia real británica.
É o paso previo á cerimonia de coroación que acollerá a abadía de Westmister, un lugar cargado de simbolismo para a coroa británica. Será oficiada polo arcebispo de Canterbury e aínda que se manterán os elementos tradicionais, Carlos III introducirá cambios. Vestirá uniforme militar e empregará a coroa de Santo Eduardo. Ademais recibirá o orbe real, o cetro e o anel de coroación.
Toda esta xornada seguirase desde as rúas por milleiros de británicos, que xa están comezando a ocupar os principais puntos do percorrido real que cubrirán nas espectaculares carrozas, propiedade da Coroa. "Son moi afortunada de vivir experiencia da tradición da Gran Bretaña".
A xornada rematará no balcón do Palacio de Buckingham, onde os reis e o resto da familia real sairán saudar.
Todos os preparativos desta xornada levan anos en marcha. É a coñecida como operación Orbe Dourado, unha detallada planificación dunha xornada histórica que fará oficial o reinado de Carlos III.