Vingegaard resolveu o seu problema persoal e participará no Gran Camiño
Vingegaard resolveu o seu problema persoal e participará no Gran Camiño
O campión do Tour poida tomar a saída despois de marchar este martes a Málaga por un problema persoal
Todas as etapas poderán verse desde o xoves en directo pola G2 e o sábado pola primeira canle
Xa está todo listo para que o xoves arranque O Gran Camiño, e Jonas Vingegaard tomará a saída. O ciclista do Jumbo tivo que deixar a concentración do equipo por un problema persoal pero xa está de volta.
O danés, gañador do último Tour de Francia, iniciará mañá, xoves, a súa tempada deportiva en O Gran Camiño coa vista posta no seu gran obxectivo do curso: volver lucir a camisola amarela nos Campos Elíseos.
Tras unha primeira edición exitosa, na que Alejandro Valverde (Movistar) logrou a súa última vitoria como ciclista profesional, O Gran Camiño pretende consolidarse no panorama internacional cunha carreira de catro esixentes etapas que arrincará na Muralla de Lugo e finalizará na Praza do Obradoiro, en Santiago.
O Cofidis e o Movistar, con Ión Izaguirre e Iván Ramiro respectivamente, serán dous dos equipos que buscarán poñer en apertos ao potente Jumbo, ademais dos sempre combativos Burgos-BH, Caixa Rural, Kern Pharma e Euskaltel-Euskadi
O percorrido
A primeira etapa partirá dende a mesma muralla de Lugo e chegará a Sarria, alí onde o ano pasado se coroou Alejandro Valverde como primeiro gañador da rolda profesional galega. A segunda etapa irá dende Tui ata A Guarda, onde a organización lles preparou aos ciclistas unha pequena sorpresa. O ascenso ao Mirador de Santa Trega, 3,4 quilómetros ao 7,9 por cento de desnivel medio e uns últimos metros máis que esixentes.
Pero a etapa que pode marcar a diferenza e que pode definir o gañador é a de Ourense, que pasará por algúns dos lugares máis afectados polos lumes do último verán. A etapa raíña presenta un porto de terceira categoría, un de segunda e tres de primeira encadeados co final no Alto do Castelo. Nesa tirada ten postos os seus ollos Vingegaard.