Trasladan carbón desde Ferrol á central das Pontes, que pode volver operar en decembro
Este abastecemento prodúcese coa planta en pleno proceso de desmantelamento
Medio cento de transportistas das Pontes comezaron esta mañá o traslado de cen mil toneladas desde o porto exterior de Ferrol ao parque Endesa, ante a posibilidade de arranque da central térmica.
Estas primeiras cen mil toneladas servirán para que, en caso de que sexa necesario, entre en funcionamento a central térmica das Pontes pechada desde o mes de xullo.
O movemento de carbón mobilizou medio cento de transportistas e a previsión é que haxa traballo para un mes e medio. Os transportistas aseguran que aínda se agardan outras 80.000 toneladas de carbón que chegarán a este porto exterior de Ferrol a comezos do mes de decembro.
Son os primeiros camións, con contrato en vigor, para o transporte de carbón, que comezan a trasladar cara ao parque que Endesa ten na central térmica das Pontes un total de 180.000 toneladas, das que cen mil xa están almacenadas no porto exterior de Ferrol.
O presidente dos transportistas do carbón, Manuel Bouza, comentou que "van intentar poñela en marcha o 22 deste mes, e despois será cando faga falta ou sexa máis rendible que o gas. Imos traballar mes e medio, pero que ninguén pense que isto vai seguir. O que se pensa é que isto vai estar de reforzo todo o inverno despois... a central térmica das Pontes, desgraciadamente, está condenada a morrer".
Pola súa banda, Marcos Prieto de UXT-Endesa argumentaba que "é unha decisión empresarial. Todo o mundo di que dentro da xestión das empresas ninguén pode meterse. Se ben é certo que isto é un negocio regulado e o Goberno o que ten que garantir é a subministración enerxética de calidade e o custo moderado para toda a poboación. Nese marco si entendemos que o Goberno debería posicionarse e falar coas eléctricas e dicir imos intentar minimizar o impacto do peche".
Este abastecemento prodúcese coa planta en pleno proceso de desmantelamento.