Tres meses despois da riada de Neda, os prexudicados seguen agardando polos seguros e polas axudas
Tres meses despois da riada de Neda, os prexudicados seguen agardando polos seguros e polas axudas
Conseguiron un compromiso de Augas de Galicia para acometer melloras coas que se evitarán novos asolagamentos
Tres meses despois dos desbordamentos dos ríos Basteiro e Belelle os veciños seguen agardando solucións.
"As nosas casas están igual ou peor. Porque agora hai moitas humidade e houbo quen xa tivo problemas respiratorios". "Só tivemos palabras ocas. Iso é desesperante", comentan os afectados.
Así que cansos de agardar, optaron por encargar un estudo privado para saber as posibles causas das riadas e as posibles solucións para evitar novos asolagamentos. A día de hoxe xa obtiveron o compromiso de Augas de Galicia para acometer, entre outras melloras, traballos nas presas dos ríos.
"Para nós é o principal problema. Aquí, segundo o noso enxeñeiro e Augas de Galicia, a misión completa é que o río Basteiro pase a levar o vinte por cento do caudal despois de facer as obras e o río Belelle que teña a capacidade de levar o oitenta por cento", explica Jorge López Pena, o presidente da asociación de afectados pola inundación do Basteiro e do Belelle.
Porén, mentres non vexan os avances, din que seguen nun estado de angustia.
"Porque pode volver a pasar". "Dixeron que ían limpar os ríos e non o fixeron. Sacaron catro árbores e nada máis", lamentan os veciños.
A riada do pasado mes de novembro ocasionou cuantiosos danos en máis dunha vintena de vivendas que perderon boa parte das súas pertenzas. Así que, para evitar episodios similares, piden que as solucións se materialicen canto antes.