Desaloxan medio cento de vivendas en Toledo pola enchente do río Alberche
Castela-A Mancha mantén activada a emerxencia por risco de inundacións en Toledo e Guadalaxara
A enchente do río Alberche obrigou a desaloxar medio cento de vivendas dos concellos toledanos de Escalona e Retamar. O Goberno de Castela-A Mancha mantén activada a emerxencia por risco de inundacións nas provincias de Toledo e Guadalaxara.
Outras dez vivendas foron desaloxadas esta noite no concello toledano de Escalona pola ameaza que representa a enchente do río Alberche. Os veciños afectados foron realoxados en casas de familiares e no albergue municipal.
A enchente afecta tamén os depósitos de auga de cinco urbanizacións próximas ao río que quedaron totalmente inutilizados. O Concello está subministrando auga embotellada aos veciños afectados.
Augas abaixo, as autoridades vixían o nivel do Texo, do que é tributario o Alberche, que ameaza con anegar varias zonas de Talavera de la Reina.
Para evitar riscos suspendéronse as clases en sete centros de ensino e no campus local situados nas proximidades do río. Tamén pecharon varias instalacións deportivas.