Medra a presión sobre Biden para que abandone, mentres Trump endurece o ton
Medra a presión sobre Biden para que abandone, mentres Trump endurece o ton
Biden, que sigue illado na casa con covid-19, foi eclipsado pola vicepresidenta Kamala Harris nun acto en Massachusetts
O candidato republicano chama ao presidente "débil", "enfermo" e ata "estúpido" nun mitin en Michigan
O presidente dos EUA, Joe Biden, afronta novas presións do Partido Demócrata para que abandone a campaña á reelección en novembro mentres o seu rival, o republicano Donald Trump, endurece notablemente o ton aproveitando a súa debilidade.
Biden, aínda illado en casa pola covid-19, foi eclipsado nas últimas horas pola vicepresidenta Kamala Harris, que acudiu en solitario a un acto de recadación en Massachusetts con cargos electos e celebridades e obtivo máis de 2 millóns de dólares, segundo os medios que a seguen.
Harris, potencial sucesora de Biden, dixo no seu discurso que, en "cada decisión que toma no Despacho Oval", o presidente pensa na clase traballadora, e expresou a súa esperanza no binomio que forman.
"Imos gañar. Non será fácil, hai que crer en algo e ir por iso".
Con todo, seguen a sumarse nomes á trintena de demócratas do Congreso que lle reclaman ao presidente abandonar a carreira electoral. É o caso do lexislador de California Mark Takano, que revelou a súa aposta por Harris como substituta.
A senadora progresista Elizabeth Warren, pola súa banda, recoñeceu na canle MSNBC que Biden ten unha "decisión que tomar" e valorou a experiencia de Harris como fiscal para enfrontarse a un "delincuente condenado", en referencia a Trump.
Segundo a CNN, a Casa Branca recibiu o venres unha carta de máis de medio cento de antigos funcionarios de alto nivel de distintas administracións, incluídos en postos de política exterior e seguridade nacional, que instaron a Biden a "pasar a capa do liderado".
Pola súa banda, a NBC di que a familia de Biden falou dunha posible fin de campaña deixando o seu partido en posición de gañar a Trump e honrar as máis de cinco décadas que dedicou a servir ao país en diferentes cargos.
Trump endurece o ton
Mentres tanto, Trump, xa candidato republicano oficial, abandonou a moderación nun mitin en Michigan e cualificou a Biden de "débil", "enfermo" e ata "estúpido", asegurando que "nunca falaría así dun presidente" se non fora porque este converteu "a xustiza nunha arma" contra el.
O expresidente aproveitou para chancear coa crise da candidatura presidencial de Biden, reiterou as súas denuncias infundadas de fraude nas anteriores eleccións e foi moi aclamado cando dixo ter feito "a maior deportación de inmigrantes" da historia.
O acto xerou grande expectación por ser o primeiro tras o seu intento de asasinato o pasado sábado, xa só lucía uns discretos apósitos na orella ferida, e incluír o seu número dous J. D. Vance tras a súa consagración como binomio republicano na convención do partido.
Vance, que adoptou un perfil baixo no evento, fixo en X unha chamada a que Biden dimita e criticou o "absurdo nivel de cinismo" de quen só lle pide que abandone a idea da reelección, xa que "se non pode presentarse (a presidente), tampouco pode servir (como tal)".
"Busca vinganza e retribución"
Tras o mitin de Trump, un voceiro da campaña Biden-Harris sinalou que pasou de avogar pola unidade, a ser "o mesmo Donald" que profire "mentiras", busca "vinganza e retribución" e pensa en "si mesmo", e volveu ligalo ao Proxecto 2025, que o republicano tachou de "extremista".
O equipo de campaña de Biden reiterou que pronto estará en marcha pero non concretou cando. O que si salientou é que seguriá centrando os seus esforzos en estados chave, como Nevada, Arizona, Xeorxia ou Carolina do Norte, e coñecido como 'muro azul': Pensilvania, Wisconsin e Michigan.