Trump despreza os países que queren negociar os aranceis: "Están a bicarme o cu"
O presidente americano asegura que 70 países comezaron as negociacións e morren por chegar a un acordo
Entran en vigor as partidas adicionais, que suman un 50 % de gravame á China, un 20 % á Unión Europea e un 50 % a medio cento de países máis
O presidente dos EUA Donald Trump mofouse dos países que queren negociar os aranceis que impuxo de maneira unilateral. "Estes países están a chamarnos. Están a bicarme o cu. Morren por chegar a un acordo", dixo Trump este martes ante o Comité Republicano.
O presidente estadounidense fixo estes comentarios horas antes da entrada en vigor dos aranceis que gravan as importacións dos Estados Unidos e asegurou que os líderes estranxeiros están a rogarlle que evite eses novos gravames: "Por favor, por favor, señor, chegue a un acordo. Farei o que sexa, señor".
A Casa Branca asegurou que 70 países comezaron a negociar unha redución dos aranceis a cambio de medidas que permitan corrixir os desequilibrios comerciais cos EUA.
As partidas adicionais dos chamados aranceis recíprocos que os EUA anunciaron o día 2 entraron este mércores en vigor. A China recibe un complemento do 50 % que supoñerá que as importacións do país asiático cargarán cun 104 % de gravame, para a Unión Europea sera dun 20 % e medio cento de países asumen un 50 % adicional.
As declaracións de Trump prodúcense cando as delegacións de países como Corea do Sur e O Xapón viaxan aos Estados Unidos para negociar os aranceis; mentres, a primeira ministra italiana Giorgia Meloni, afín a Trump, farao a semana que vén.