Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump e Harris protagonizan un debate cheo de ataques persoais centrado na economía e a inmigración

Trump e Harris protagonizan un debate cheo de ataques persoais centrado na economía e a inmigración

O magnate estoupou en diatribas sobre migración, as eleccións de 2020 ou o aborto, mentres que Harris respondeu con expresivos xestos faciais ás palabras do seu adversario e conseguiu evadir preguntas sobre os seus puntos débiles

Un 63% dos enquisados considerou que Harris tivo un mellor desempeño no debate celebrado en Filadelfia, fronte a un 37 % que opinou que Trump foi o mellor

As enquisas debuxan unhas estreitas eleccións en novembro, con Harris superando a Trump por só 2,7 puntos porcentuais no voto no ámbito nacional

G24.gal 11/09/2024 08:06

Os candidatos á presidencia dos Estados Unidos, a vicepresidenta Kamala Harris e o exmandatario Donald Trump (2017-2021), enfrontáronse este martes en Filadelfia nun axitado debate cheo de ataques persoais en que o republicano se mostrou exasperado en múltiples ocasións.

Unha enquisa rápida realizada por CNN entre estadounidenses rexistrados para votar que viron o debate presidencial conclúe que a vicepresidenta e candidata demócrata á Casa Branca, Kamala Harris, superou ao expresidente e candidato republicano Donald Trump con fartura.

Un 63% dos 605 enquisados por mensaxe de texto en todo o país considerou que Harris tivo un mellor desempeño no debate celebrado en Filadelfia fronte a un 37 % que opinou que Trump foi o mellor dos dous.

O encontro, organizado pola cadea de televisión ABC News en Filadelfia, podería ser o único cara a cara entre ambos a menos de dous meses das eleccións do 5 de novembro, que decidirán se os demócratas dan alongado o seu proxecto político ou se o país se enfronta a un segundo mandato de Trump.

O magnate neoiorquino estoupou en diatribas inzadas de falsidades sobre migración, as eleccións de 2020 ou o aborto, mentres que Harris mantívose en calma, respondeu con expresivos xestos faciais ás palabras do seu adversario e conseguiu evadir preguntas sobre os seus puntos débiles fronte aos votantes.

A actitude defensiva do expresidente causou mesmo "frustración" nalgúns dos seus aliados máis próximos, segundo filtracións a medios estadounidenses, xa que os seus asesores o prepararan para non caer nas "trampas" de Harris para sacalo de compostura.

Un dos momentos en que máis se evidenciou esta saída do guión foi cando reaccionou a un ataque de Harris, quen asegurou que os seus seguidores se van cedo dos seus mitins porque os atopan "aburridos".

Trump estalou nun monólogo en que se fixo eco dunha información falsa sobre migrantes haitianos "causando caos" nunha cidade de Ohio e secuestrando mascotas para comelas: "Están a comer os cans, están a comer os gatos e as mascotas", dixo provocando a risa do seu rival.

Ataques persoais e miradas incrédulas

Os ataques persoais por parte de ambos os candidatos marcaron tamén o ton do debate. Tanto Trump como Harris incorreron nesta estratexia de debate, acusándose mutuamente de ser un "perigo" para a democracia estadounidense.

A vicepresidenta dixo falar con líderes militares que chaman a Trump "unha desgraza", sinalouno de querer converterse nun "ditador" e burlouse dos temas dos seus mitins.

O republicano, pola súa banda, acusou a Harris de ser unha "radical" de ideoloxía marxista, de "non ter un plan" para o país e de querer levar os Estados Unidos á ruína.

A vicepresidenta aproveitou a "pantalla divida" do debate televisado para usar a súa linguaxe non verbal nos momentos en que Trump tiña a palabra: levantou as cellas incrédula, lanzou miradas burlonas e mesmo riu en varias ocasións do expresidente.

O republicano, pola súa banda, mantivo a mirada fixa na cámara, os ombreiros estáticos e non mirou case en ningún momento cara a Harris.

Trump tentou centrar o debate na migración

O republicano tentou levar o fío da discusión ao tema da xestión da migración, que se converteu nunha das prioridades dos estadounidenses para as eleccións.

Trump e os seus aliados republicanos tentaron asociar a Harris directamente coa política migratoria do mandatario Joe Biden chamándolle erroneamente a "encargada da fronteira".

O expresidente repetiu en varias ocasións este reclamo, á vez que insistiu en narrativas xenófobas, acusando os migrantes de estaren "a destruír" o país e sinalando o goberno demócrata como o culpable.

Harris, pola súa banda, evadiu as preguntas sobre o tema e limitouse a dar o seu apoio a un proxecto de lei que busca converter en permanentes as restricións ao asilo que o seu goberno impuxo na fronteira.

O aborto foi outro dos temas que provocou un enfrontamento entre os candidatos, con Harris prometendo protexer o aborto cunha lei federal e Trump asegurando que cre nas excepcións ás restricións ao aborto en casos de violación, incesto e perigo para a vida da nai.

A guerra en Ucraína, a guerra en Gaza e as eleccións de 2020 foron tamén temas que enfrontaron os candidatos no debate, en que ambos se presentaron como a opción máis sensata para o país.

O republicano acusou a Harris de "odiar a Israel", ao cal a demócrata contestou asegurando que pasou a súa carreira e a súa vida enteira apoiando a Israel e aos israelís.

As enquisas debuxan unhas estreitas eleccións en novembro, con Harris superando a Trump por só 2,7 puntos porcentuais no voto no ámbito nacional, segundo o agregador de enquisas FiveThirtyEight.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade