Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump quere cambiar o debate, pero Harris esíxelle cumprir o pactado con Biden

Trump quere cambiar o debate, pero Harris esíxelle cumprir o pactado con Biden

O expresidente quere que se celebre na cadea ultraconservadora Fox News o 4 de setembro

A candidata demócrata esixe que sexa na cadea ABC o 9 de setembro, tal e como acordaran

Un momento do primeiro debate
G24.gal 04/08/2024 08:14 Última actualización 04/08/2024 13:54

A vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, e o seu rival, o expresidente Donald Trump, enleáronse nunha discusión sobre o vindeiro debate. A demócrata esixe manter o pactado pero o republicano quere cambiar a data e a cadea do cara a cara.

Trump e Biden acordaran dous debates fronte ás cámaras: un na cadea CNN, que tivo lugar o pasado 27 de xuño en Atlanta, tras o que Biden renunciou a presentarse á reelección; e outro na cadea ABC o 9 de setembro, para o que faltaba concretar unha cidade.

A campaña da candidata demócrata quere manter ese segundo cara a cara pero o plan do republicano é que se celebre o 4 de setembro na cadea ultraconservadora Fox News, no estado clave de Pensilvania, con público e moderado polos xornalistas da canle Bret Baier e Martha MacCallum.

O pretexto de Trump é que mantén "un litixio" coa cadea progresista ABC e co seu xornalista George Slopadopoulos, que entrevistou a Biden en horario de máxima audiencia tras o desastroso papel do demócrata no debate con Trump.

A campaña de Harris: "Trump está asustado"

Kamala Harris arremeteu este sábado en redes sociais contra o plan de Trump que, mentres Biden foi o adversario, aseguraba estar disposto a debater "en calquera momento, en calquera lugar".

"É curioso ver como o 'calquera momento, calquera lugar' se converteu nun 'momento específico, nun lugar específico'", apuntou.

A candidata amosouse firme na súa pretensión de manter o debate pactado en ABC.

"Estarei alí o 10 de setembro, como el acordou. Espero velo alí", dixo.

O director de comunicacións da campaña de Harris, Michael Tyler, foi un paso máis lonxe ao sinalar que "Donald Trump está asustado e está a tratar de retirarse do debate que xa acordou e está a correr directamente a Fox News para que o rescaten".

Segundo Tyler, os demócratas están abertos a discutir máis debates, pero só despois de que se leve a cabo o que ambas as dúas campañas xa acordaron.

Trump: "Harris non está mentalmente capacitada" 

A resposta de Trump ao rexeitamento de Harris non se fixo agardar e en redes sociais insultou a vicepresidenta, afirmando que "non está mentalmente capacitada" para debater con el e que ten un "baixo cociente intelectual".

O republicano agregou que é ela a que está "asustada" e mostrouse inamovible na súa esixencia: "Ou nos vemos o 4 de setembro ou xa non nos veremos", ameazou.

Trump redobrou os seus ataques e insultos contra a vicepresidenta a medida que esta se aseguraba o seu nomeamento demócrata e mentres ela recorta distancias de intención de voto nas enquisas.

O expresidente puxo en dúbida o mércores que Harris sexa unha persoa negra e suxeriu que a vicepresidenta cambiou a súa identidade racial para gañarse o voto dos afroamericanos. De pai xamaicano e nai india, reivindícase como negra e surasiática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos