Ucraína non cre na tregua anunciada por Vladimir Putin para hoxe e mañá
Ucraína non cre na tregua anunciada por Vladimir Putin para hoxe e mañá
Zelenski acúsao de usar o Nadal ortodoxo como tapadeira para frear o avance das tropas locais no Donbás e rearmar as súas
A Unión Europea e os Estados Unidos tamén consideran unha trampa o cesamento do fogo
O Goberno ucraíno non cre na tregua de 36 horas anunciada por Vladímir Putin, que entra en vigor ás 10 desta mañá, en hora española.
O cesamento do fogo responde á petición do patriarca da Igrexa ortodoxa rusa, na que hoxe é Noiteboa e mañá Día de Nadal.
Volodímir Zelenski acúsao de pretender usar estas datas como tapadeira para deter o avance das tropas locais no Donbás e rearmar as súas.
Zelenski di que a guerra rematará cando non haxa soldados rusos no país
O presidente ucraíno di que todos no mundo saben como o Kremlin usa as pausas na guerra para continuala con novas forzas. Así o afirmaba no seu habitual discurso nocturno.
Insiste en que o mandatario ruso está desesperado polas derrotas na fronte e segue convencido de que prepara unha nova vaga de agresións ao seu país e a toda Europa.
Zelenski reitera que a guerra rematará cando os soldados rusos marchen ou sexan expulsados de Ucraína. E reclama máis armamento para o seu Exército e máis protección para a cidadanía: por terra, aire e mar.
Por iso saúda o acordo pechado polos Estados Unidos e Alemaña que, seguindo o paso dado por Francia, lle han enviar por vez primeira blindados de fabricación propia.
Tampouco a UE e os Estados Unidos se fían do alto ao fogo
Nin na UE nin nos Estados Unidos cren no cesamento do fogo anunciado polo Kremlin.
Para o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, o anuncio é tan falso e hipócrita como as anexións ilegais de territorios ucraínos e os referendos que as acompañan.
Para o mandatario estadounidense, Joe Biden, non é máis que unha trampa que busca algo de osíxeno e boa prensa.