Zelenski asina a solicitude para a entrada de Ucraína na Unión Europea
Zelenski asina a solicitude para a entrada de Ucraína na Unión Europea
O presidente ucraíno fixo un chamamento para que, mediante un procedemento especial, Ucraína poida ser membro da UE
Ucraína liberará presos con experiencia militar para combater os rusos
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, puxo este luns a súa sinatura na solicitude para a entrada do país na Unión Europea (UE).
"É un momento histórico", di unha mensaxe da Rada Suprema (o Parlamento ucraíno) nas redes sociais, en que tamén se pode ver o mandatario ucraíno no momento da sinatura do documento.
Zelenski pedira esta mañá, nunha nova mensaxe en vídeo dirixida á poboación do seu país, pero tamén aos líderes do club comunitario, a adhesión inmediata do seu país á UE. "Facemos un chamamento á UE para a adhesión inmediata de Ucraína baixo un novo procedemento especial", aseguraba.
Ese chamamento concretouse esta tarde con esa sinatura na Rada Suprema.
"Agradecemos aos nosos socios que estean connosco, pero o noso obxectivo é estar con todos os europeos e, o máis importante, ser iguais", manifestaba. O presidente ucraíno dicía que está seguro de que esta decisión sería o "xusto", e mostrouse convencido de que "é posible".
Ucraína consagrou na Constitución a vía euroatlántica e mete presión desde hai oito anos para que se lle abra o proceso. Zelenski leva meses pedindo aos líderes comunitarios que lle proporcionen unha resposta directa sobre cando poderá acceder Ucraína á UE, pero, segundo revelou, sen éxito.
Zelenski agradeceu que a UE decidise o domingo, por primeira vez na súa historia, organizar e financiar, con 500 millóns de euros, o aprovisionamento de armas nunha guerra nun país terceiro.
Zelenski dixo que este domingo falou coa presidenta da Comisión Europea (CE) Ursula von der Leyen "sobre pasos adicionais, mesmo máis fortes". "Os europeos somos conscientes de que os nosos soldados loitan polo noso país e, por tanto, por toda Europa. Pola paz de todos os países europeos, pola vida dos nenos, pola igualdade, pola democracia", sinalou.
Von der Leyen: "Ucraína é un de nós e querémolos connosco"
A presidenta da Comisión Europea (UE) Ursula von der Leyen afirmou: "Ucraína é un de nós e querémolos connosco" na Unión Europea, pero non puxo un horizonte concreto.
"Temos un proceso con Ucraína que é, por exemplo, integrar o mercado ucraíno no mercado único e unha cooperación moi estreita na rede de enerxía, por exemplo. Por tanto, hai moitos temas en que traballamos moi de preto xuntos e, a través do tempo, perténcennos, son dos nosos e querémolos connosco", dixo.
En canto á adhesión na UE e o status de candidato de Ucraína, fontes comunitarias dixeron que "neste momento non hai unanimidade sobre a perspectiva europea" do país no club comunitario.
Liberan presos con experiencia militar para loitar contra os rusos
Ademais de solicitar a adhesión ao club comunitario, o presidente ucraíno anunciou a liberación de presos con experiencia militar para que se sumen á loita contra as forzas rusas.
"Calquera que poida unirse á loita contra os ocupantes debe facelo", dixo Zelenski, "a decisión non foi fácil, desde un punto de vista moral, pero é útil desde o punto de vista da nosa protección".
"Baixo a lei marcial, os participantes en hostilidades, ucraínos con experiencia real en combate, serán excarcerados e poderán expiar as súas culpas nos lugares máis perigosos da guerra. A clave agora é a defensa", explicou o presidente ucraíno.