Un 20 % das persoas que acoden a consultas de Atención Primaria sofren ansiedade ou depresión
Un 20 % das persoas que acoden a consultas de Atención Primaria sofren ansiedade ou depresión
O Sergas pretende implantar un programa de psicoloxía clínica en Atención Primaria en todos os centros de saúde de Galicia
Chegar axiña ás persoas con patoloxía leve ou moderada de ansiedade e depresión e actuar con celeridade para evitar que o problema se cronifique. Os obxectivos que propón este novo modelo de psicoloxía clínica en Atención Primaria pasan tamén por reducir, na medida do posible, o uso de psicofármacos, dos que en España temos unha taxa de consumo demasiado alta.
"De forma acorde ao que nos recomendan as guías de boa práctica do Ministerio, reducir as taxas de uso de benzodiazepinas, que son eficaces pero debemos complementar con outras estratexias", explica María Tajes, coordinadora do Plan Saúde Mental do Sergas
A idea é que haxa un psicólogo clínico por centro que colabore cos médicos na avaliación e seguimento dos problemas de saúde emocional e mental, de xeito individual pero tamén en grupo.
"Cando estamos a falar dunha prevalencia de depresión de arredor do 20 % todos temos que estar partícipes e o médico, desde logo, ten un papel fundamental. Pero esta figura permite que os pacientes cheguen antes e con mellor coordinación", engade María Tajes.
Na planificación deste modelo está a ser fundamental a perspectiva de xénero, porque os datos recollidos amosan que o 65 % dos casos de ansiedade leve e depresión que se atenden nos centros de saúde son mulleres.