Un alumno mata a tiros oito estudantes e un garda nunha escola de Belgrado
Un alumno mata a tiros oito estudantes e un garda nunha escola de Belgrado
O autor dos disparos é un rapaz de 13 anos que, supostamente, empregou dúas pistolas propiedade de seu pai e que xa foi detido
Levaba tempo preparando o ataque e mesmo tiña unha lista coas persoas que quería matar, segundo informou a policía.
Nove persoas morreron nunha escola de Belgrado cando un mozo de 13 anos, alumno do centro, disparou cunha pistola contra os seus compañeiros e contra o persoal docente e de seguridade.
Segundo un comunicado do Ministerio do Interior de Serbia, os mortos son oito menores e un adulto, membro do equipo de seguridade do colexio. A nota indica que seis alumnos e unha docente quedaron feridos
O mozo levaba tempo planificando o ataque e mesmo tiña unha lista coas persoas ás que quería matar, informou a Policía serbia, que tamén dixo que tiña un esquema que el mesmo trazara da entrada á escola e as aulas máis próximas en que disparou.
Aínda que o director da Policía sinalou que non se estableceron os motivos do ataque, os medios serbios sinalan que o agresor, descrito como un alumno modelo, sacara malas notas na materia de historia. Indican que elixiu o día hoxe para o ataque porque a primeira clase da mañá, a de historia, tiña lugar nunha aula preto da entrada do centro escolar, onde estaban a maioría das vítimas.
Ao entrar na escola, o presunto agresor disparou primeiro no vestíbulo ao garda, que morreu no acto, e logo matou dous nenos, antes de dirixirse á aula onde disparou á profesora de historia e aos alumnos que estaban na sala.
"Empezou a disparar ao azar, primeiro deulle á profesora de historia e logo seguiu disparando. Matou dous dos nosos amigos, tombeime encima deles para que pensase que estaba morta", relatou unha compañeira do suposto autor do tiroteo. O presunto agresor chamou logo a policía desde o patio, onde foi arrestado.
Detención do pai
O presunto agresor chamou logo a policía desde o patio, onde foi arrestado. Na bolsa que portaba atopáronse catro cócteles Molotov. Ademais, o mozo practicaba co seu pai en polígonos de tiro e con esa actividade aprendera a disparar, segundo sinalou o ministro do Interior. O ministro indicou que as dúas pistolas que usou o presunto agresor tiñan licenza e que se cren eran propiedade do pai do menor, que foi tamén arrestado.
A Fiscalía Superior de Belgrado informou da detención preventiva durante 48 horas do pai do autor dos disparos por sospeita de graves delitos contra a seguridade xeral.
"O pai afirma que tiña máis dunha pistola e que as mantiña baixo chave", explicou o ministro, quen engadiu que parece que o adolescente se fixo con dúas armas e tres cargadores con quince balas cada un.
A Fiscalía tamén indicou que pediu análises toxicolóxicas do sangue do neno que disparou. Non están aínda claros os cargos contra o neno, que aínda non fixo os 14 anos, a idade mínima de responsabilidade penal.
O Goberno declarou tres días de loito pola traxedia na escola belgradina. Serbia é un dos países do mundo onde, proporcionalmente á poboación, hai máis armas en mans de particulares.