Un equipo da USC proba en montes queimados proxectos sostibles de rexeneración
Un equipo da USC proba en montes queimados proxectos sostibles de rexeneración
Ensaian coa plantación de distintas especies arbóreas e introducindo animais para controlar a vexetación
A catedrática de produción vexetal da escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC, Rosa Mosquera Losada, explica en que consiste un dos proxectos que están a levar a cabo nun monte que ardeu.
"É difícil restaurar os montes, depende da zona. En concreto, o proxecto Life Silfore ubícase nunha zona de compoñente atlántico-mediterráneo. Iso fai que a súa rexeneración sexa máis difícil pola falta de auga. Está nun monte veciñal de man común onde arderon en 2021 preto de 1.000 ha".
A intervención revelou que onde houbo castiñeiros recuperouse moito antes que onde houbo piñeiros. Agora, na zona con máis dificultades proban distintas especies forestais atlánticas e mediterráneas: carballos, oliveiras e aciñeiras.
"Das que van mellor, o bidueiro, que é unha especie pioneira, tamén o piñeiro. Está tan degradado o solo que intentar poñer alí un castiñeiro, costa".
Noutro proxecto tratan de enriquecer o chan para que se dean as frondosas.
"Vemos que o emprego de leguminosas favorece o establecemento do castiñeiro, a palla tamén o fai, e as doses altas de esterco de coello como de cabalo fan unha boa misión".
Outra estratexia é introducir animais para controlar a vexetación. É unha rexeneración preventiva: o pastoreo con cabras, vacas ou porcos celta para previr a degradación do monte.