Un globo espía chinés tensa a relación dos Estados Unidos co país asiático
Un globo espía chinés tensa a relación dos Estados Unidos co país asiático
O secretario de Estado dos Estados Unidos, Anthony Blinken, suspendeu a visita prevista á China para esta fin de semana
O secretario de Estado dos Estados Unidos, Anthony Blinken, suspendeu a visita prevista á China tras a entrada dun globo aerostático procedente do país asiático no espazo aéreo estadounidense.
O Goberno chinés explicou que se trata dun artefacto meteorolóxico que perdeu o seu rumbo e non dun globo espía. Con todo, o Pentágono cualificou o incidente como unha violación inaceptable da súa soberanía.
A desta fin de semana ía ser a primeira visita en 5 anos dun secretario de Estado estadounidense á China.
Pero a viaxe de Anthony Blinken queda para outra ocasión. E todo pola aparición deste globo aerostático sobre os ceos de Montana.
O artefacto sobrevoaba a grande altura o estado que alberga unha das bases de mísiles nucleares estadounidenses, o que enseguida espertou a sospeita de espionaxe coa China como principal sospeitoso.
Este venres, as autoridades asiáticas confirmaban que o globo é seu, pero aclararon que se trata dun aparello civil de observación meteorolóxica.
O vento do oeste desviárono, di Pequín, do rumbo previsto, forzando a súa entrada non intencionada no espazo aéreo estadounidense.
Pero o Pentágono non comparte esta versión: din que é un artefacto de vixilancia, pero que xa tomaron medidas para protexer a información sensible que poida captar e que están facendo un seguimento permanente da súa traxectoria.
O incidente ameaza con botar por terra o achegamento entre as dúas superpotencias propiciado hai dous meses tras a entrevista en Balí entre Joe Biden e Xi Jingping.