Un grupo de veciños recolle sinaturas para evitar a derruba da cheminea das Pontes
Un grupo de veciños recolle sinaturas para evitar a derruba da cheminea das Pontes
En 2022 a Xunta iniciou un procedemento para declarala Ben de Interese Cultural, un proceso que actualmente non conta cos apoios necesarios
Leva case 50 anos formando parte do panorama das Pontes e tamén da súa identidade. "Coñécese non so polas Pontes senón tamén por todo Galicia e incluso se un vai a Asturias ou a León e fala das Pontes e preguntan: Onde?, dis: Onde a cheminea, e xa saben onde é", explica Bieito Coello, veciño das Pontes que traballou durante 25 anos na central térmica.
Co desmantelamento da central térmica, a cheminea corre o risco de desaparecer. En 2022 a Xunta iniciou un procedemento para declarala Ben de Interese Cultural, un proceso que a día de hoxe non conta cos apoios necesarios. Agora, un grupo de veciños, do que forma parte Bieito, está a recoller sinaturas a través da plataforma change.org para pedir que non se derrube. "Temos que ter presente que é a cheminea máis grande de Europa (en volume) e seguirá sendo así para sempre. E iso é tamén un símbolo, xa que as chemineas que se fagan a partir de agora xa non van ter estas dimensións", engade Bieito.
E aventuran propoñer algúns posibles usos futuros. "Hai que buscarlle que sexa rendible cara ao futuro. Hai quen opina que ao mellor se pode poñer un restaurante ou un mirador, porque ten un ascensor para poder subir por dentro", di Bieito.
Queren que a cheminea das Pontes siga sendo parte da súa historia como pobo.