Un home dispara ao chou nun parque de Detroit e fere polo menos dez persoas
Un home dispara ao chou nun parque de Detroit e fere polo menos dez persoas
Tras efectuar 28 tiros cunha arma curta, atrincheirouse nunha casa e suicidouse
Segundo a Policía, todo apunta a que abriu fogo de xeito indiscriminado
Un tiroteo, supostamente indiscriminado, deixa polo menos dez persoas feridas nun parque de Detroit, no condado estadounidense de Michigan. Segundo informan as autoridades locais, o presunto autor dos disparos suicidouse a continuación.
Sobre as cinco da tarde nunhas instalacións acuáticas en Rochester Hills, un home saíu dun vehículo e comezou a disparar ao chou cunha arma curta de nove milímetros.
De acordo cos datos facilitados pola Policía, no parque había menores e, de feito, un dos feridos é un neno de 8 anos. Tras disparar 28 tiros, o suposto autor atrincheirouse nunha casa e logo suicidouse.
"Parece que o individuo parou, saíu do vehículo, achegouse á zona acuática, abriu fogo, recargou, abriu fogo de novo, recargou e marchou (...) Todo apunta a que foi indiscriminado. Non hai aparente conexión cos feridos", indicou nunha comparecencia o alguacil do condado, Michael Bouchard.
O alcalde de Rochester Hills, Bryan Barnett, dixo que recibira chamadas da Casa Branca, da gobernadora do estado, Gretchen Whitmer, e de representantes do Congreso, para interesarse polo tiroteo e polas vítimas.
"É unha escena horrible que se repite demasiadas veces en todo o noso país", lamentou.