Investigan as causas do accidente mortal nunha atracción de feira en Vigo
Un home de 36 anos faleceu ao desprenderse o brazo do xogo mecánico coñecido como Saltón
A súa parella e unha adolescente de 14 anos que viaxaba na cabina posterior quedaron feridas
O Xulgado de Instrución número tres de Vigo, en funcións de garda, precintou a atracción e púxolle custodia ata que un perito revise por completo o xogo mecánico para aclarar por que perdeu un dos seus brazos.
"O sistema de ancoraxe dese brazo rompeu. Romperon os parafusos que suxeitaban ese brazo", explica o sarxento xefe do parque de bombeiros de Vigo, Gerardo Fernández.
Cando ocorreu eran arredor das dúas da mañá e a atracción ía marcha atrás. A vítima mortal, un veciño de Vigo, natural do concello ourensán do Bolo, de 36 anos, ocupaba canda a súa parella a canastra sostida polo brazo que se desprendeu.
"Saíu voando, bateu contra o chan e partiu o pescozo, ao parecer", conta unha testemuña.
"Rompeu o pescozo contra a varanda da propia atracción", precisa o sarxento xefe dos bombeiros.
"Taparon todo rápido e pararon a atracción, a música e todo, ao momento", confirman os asistentes.
Os sanitarios atenderon a moza do finado, que estivo uns intres inconsciente, e unha adolescente que viaxaba na cesta posterior e que foi testemuña directa do ocorrido.
"Tanto ela coma a nena de 14 anos que ía detrás estaban en estado de shock", precisa o sarxento dos bombeiros.
Recinto cheo
O recinto da festa estaba cheo no momento do sinistro porque actuaba Kiko Rivera, que tamén parou o seu espectáculo. Os presentes contan que nos primeiros momentos reinou a confusión.
"Primeiro dicían que era un rapaz só, despois que era unha rapaza. Claro, a xente que tiña fillos na festa asustouse e vías a todo o mundo cos móbiles chamando a súa filla ou o seu fillo", di unha muller.
As festas da parroquia viguesa de Matamá, que comezaran o martes e ían rematar o luns, quedaron canceladas.
