Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estabilizado o incendio que calcinou 600 hectáreas entre Cataluña e Aragón

Estabilizado o incendio que calcinou 600 hectáreas entre Cataluña e Aragón

O forte vento propagou con rapidez as lapas e impediu a intervención dos medios aéreos

G24.gal 16/04/2023 08:17 Última actualización 16/04/2023 10:07

Máis de 600 hectáreas arderon ata o momento no incendio que queima desde o sábado á tarde a zona coñecida como a Franxa, o límite territorial entre as comunidades de Cataluña e Aragón e que avanza polo municipio de La Granja d'Escarp, en Lleida.

Segundo os Bombeiros da Generalitat, corenta dotacións terrestres traballaron durante a noite nas tarefas de extinción do lume, que avanzou axiña empuxado polo forte vento cara á masa boscosa situada no eixe Maials-Almatret.

As condicións impediron ata o momento a intervención dos medios aéreos pero agárdase que nas vindeiras horas dous helicópteros poidan incorporarse ao operativo. Esta mañá o incendio quedou estabilizado.

O lume iniciouse pouco despois das 16:00 horas nun transformador eléctrico do encoro de Mequinensa, en territorio aragonés, pero o vento empuxou as chamas en dirección ao termo municipal de La Granja d'Escarp.

A Dirección Xeral de Protección Civil activou a prealerta do plan INFOCAT por este lume no medio rural. A maioría da extensión queimada é terra de cultivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade