Arden máis du centenar de nasas en Ribeira nun incendio intencionado
Tamén se queimaron a varanda do porto e uns cables próximos, segundo indica o Consorcio Contra Incendios e de Salvamento da Coruña
Un incendio rexistrado na localidade coruñesa de Ribeira calcinou máis dun centenar de nasas almacenadas que se atopaban ao aire libre no porto, quedando outras 80 en perfecto estado.
Foi sobre as 02:20 horas desta madrugada cando o 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada de varios particulares, que informaban dun incendio na avenida do Malecón.
Por iso, deuse aviso aos Bombeiros de Ribeira e aos axentes da Policía Nacional e Local, queimándose finalmente unhas 130 nasas, así como a varanda do porto e uns cables próximos, segundo indica o Consorcio Contra Incendios e de Salvamento da Coruña.
Arderon case coma se foran follas de papel. O material das nasas alimentou as lapas, que colleron unha altura de varios metros.
"Ten unha rede polos lados pero por riba e polo outro lado está feito de rede de plástico e a boca da rede tamén é plástico, está feito de petróleo e, iso unha vez que arde, vai todo", explica José Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira.
"Apagamos o incendio que había nelas. Afortunadamente, quedaron unhas 80 sen arder a ademais diso tamén resultou afectado o tendido eléctrico dun poste e o balado do peirao", indica Francisco Manuel Sampedro, sarxento do Parque de Bombeiros de Boiro.
Saben o suficiente de mar e de nasas como para asegurar que o incendio foi intencionado, e mesmo se atreven a aventurar que usaron un acelerante.
"Iso está claro. Nin arden cun pitillo nin nada. As nasas que arderon foi intencionado", sentenza Sieira.
O que descoñecen é quen pode estar detrás e por que motivos. En contra do ruxerruxe dun primeiro momento, descártase que foran aparellos comisados. Pertencen a dous armadores que neste tempo andan con outras artes... ao pinto, á maragota ou ao choco.
"O armador andaba agora con outro aparello. Ía cambiar agora para o polbo outra vez porque está aparecendo algún pero a sorpresa foi maiúscula para todos e máis para el. Estiven falando con el agora e non sabe que pasou nin que non pasou", lamenta o patrón maior.
Calculan que as perdas superan os 3.000 euros. Non é a primeira vez que ocorre isto. Os mariñeiros quéixanse da pouca protección que teñen no porto, un espazo con entrada libre.