Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un turista italiano falece nun ataque na cidade irsaelí de Tel Aviv

Un turista italiano falece nun ataque na cidade irsaelí de Tel Aviv

Outras sete persoas, de Italia e do Reino Unido, quedaron feridas nun atropelo supostamente intencionado

O vehículo envorcado na cidade de Tel Aviv O vehículo envorcado na cidade de Tel Aviv
G24.gal 08/04/2023 08:29 Última actualización 08/04/2023 09:23

Unha persoa morreu e outras sete quedaron feridas esta noite nun atropelo presuntamente intencionado en Tel Aviv. Todas eran turistas procedentes de Italia e do Reino Unido. O falecido é un home de nacionalidade italiana de 36 anos.

Segundo a Policía israelí, o condutor do vehículo atropelou varios peóns nunha avenida céntrica na área da fronte marítima de Tel Aviv ata que envorcou. Tras observar que tentaba coller unha arma, foi abatido.

O atacante era un home árabe-israelí de Kafer Qasem, unha localidade de maioría árabe no centro de Israel. 

Segundo ataque

O incidente sucede no medio dunha forte repunta da violencia na rexión en pleno mes sacro musulmán do Ramadán, e logo doutro ataque este venres que acabou coa vida de dúas mulleres israelís na Cisxordania ocupada.

Tras o atropelo de Tel Aviv, o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, convocou unidades de reserva da Policía de Fronteiras.

Ademais, Israel realizou esta madrugada varios ataques de represalia contra a Franxa de Gaza e o sur do Líbano, tras lanzaren foguetes os milicianos palestinos logo de días de enfrontamentos entre palestinos e forzas israelís na mesquita da o Aqsa de Xerusalén. 

O ano máis mortífero dende o 2000

Este 2023 foi o inicio de ano máis mortífero no marco do conflito palestino-israelí desde o 2000. No que vai de ano, faleceron 18 persoas en ataques palestinos ou árabes-israelís, e polo menos 92 palestinos morreron en incidentes violentos de distinta índole con Israel. 

No último ano, a cidade de Tel Aviv, unha zona liberal e máis ben illada da dinámica de conflito no resto da rexión, foi obxecto de varios ataques con vítimas mortais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade