Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un libreiro pilla na allada unha ladra e atopa o seu botín agochado nos andeis

Un libreiro pilla na allada unha ladra e atopa o seu botín agochado nos andeis

As cámaras de seguridade dunha libraría coruñesa permitiron descubrir unha ladroa reincidente

Volveu varios días da mesma semana e deixou agochados varios obxectos presuntamente roubados noutros negocios

G24.gal 28/09/2024 14:17 Última actualización 28/09/2024 15:10

Semana de película. Así cualifica o dono da libraría Arenas da Coruña, esta semana. O luns, as cámaras do negocio captaron unha muller apoderándose dun libro e gardándoo no bolso. Ata aquí, case normal, porque asegura que desde a pandemia, o comercio en xeral e as librarías en particular, padecen unha vaga de furtos. Co que non contaba era que a mesma persoa volvese o día seguinte.

"Non o podía crer, púxose a mirar os libros e nun momento que fixo ademán de coller e meter outro no peto, saltei coma un tigre e díxenlle que a véspera roubara un libro e que a tiñamos gravada".

Manuel retivo a muller nunha zona da tenda mentres esperaba á Policía. Os axentes revisáronlle o bolso e deixárona ir. Pero outro repaso ás cámaras de seguridade ía dar máis sorpresas.

"Unha das empregadas atopou unha percha de roupa detrás do estante e vimos nas cámaras como cando estaba acurralada na porta ela ía e viña facendo moito teatro e quitaba a roupa que roubara noutras tendas e metíaa detrás dos andeis. Está saqueando a cidade continuamente".

Agochados nos estantes dos libros atoparon oito pezas de roupa, carcasas de teléfonos móbiles e unhas tenaces e tesoiras coas que se supón que retiraba as alarmas dos obxectos. O libreiro descarta que sexa cleptómana.

"No caso desta señora, vende nun portal de venda de segunda man esta roupa roubada, libros, obxectos, de todo. Sabe perfectamente o que fai, ten o kit de roubo, e calculou moi ben o que roubaba para non superar os 400 euros, que xa é delito".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos