Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un lugar máxico en Pontevedra onde os xoguetes usados teñen catro vidas máis

Un lugar máxico en Pontevedra onde os xoguetes usados teñen catro vidas máis

Fanlles traxes novos ás bonecas, reparan os xoguetes electrónicos e recuperan libros para que máis nenos e nenas poidan gozar deles

É unha iniciativa da Asociación Boa Vida, que conta con tres tendas en Pontevedra e Vilagarcía e da traballo a trece persoas en risco de exclusión social

G24.gal 05/01/2024 14:40

Para poder sacar adiante todo o traballo que lles queda, os Reis Magos contan afortunadamente con axudantes, como as traballadoras da Asociación Boa Vida de Pontevedra, que se encargan de darlles unha segunda vida aos xoguetes usados. Hoxe, na véspera da noite máis máxica, a actividade non para nesta tenda localizada no número 3 da rúa da Seca, en Pontevedra. Por sexto ano consecutivo este local converteuse nun dos lugares preferidos das súas maxestades de Oriente para atopar o que lles piden os nenos.

Na rebotica é onde obran a súa maxia estas axudantes dos Reis Magos da Asociación Boa Vida. Revisan a conciencia todos os xoguetes para asegurarse de que os nenos que os reciban poidan gozalos. Aquí non se desbota nada: nun taller repáranse os xoguetes electrónicos ata que volven funcionar como se foran novos e unhas expertas costureiras confeccionan vestidos para as bonecas.

Como explica Lourdes Bustamante, coordinadora das tendas da Asociación Boa Vida, ata as pezas máis pequenas teñen un novo destino: "Realmente é unha boa alternativa que conseguimos para todos aqueles xoguetes soltos que nos chegan, que seguramente formaron parte dun xoguete principal ou cunha temática específica e aquí o que facemos é agrupalos por familias de produtos, ben sexan animais, personaxes, e tratamos de facer packs que van de 0,5 a 3 euros, dependendo do contido. Aos nenos encántalles porque é como unha bolsa sorpresa da que saen cousas marabillosas e se lle dá unha gran reutilización".

Calculan que desta tenda de Pontevedra sairán máis de 5.000 xoguetes nesta campaña de Nadal. Entre o que máis están pedindo os cativos de Pontevedra, este ano particularmente destacan os quebracabezas, os xogos de mesa e os libros infantís. Tamén son moi demandados os patinetes, os patíns e os coches con mandos electrónicos.

O máis importante, di Lourdes Bustamante, é que aquí non lles dan unha segunda vida aos xoguetes, danlles catro vidas máis: "A primeira é que tamén doamos o que recibimos a familias vulnerables que son previamente apuntadas nos servizos sociais, a segunda é que lle ofrecemos a persoas a prezos moi solidarios nas tendas, a terceira é que estamos axudando ao medio ambiente para que isto non vaia ao lixo ou se degrade nun rocho e a cuarta e non menos importante é que todo o recadado o destinamos a reinserir persoas en risco de exclusión social".

A través desta iniciativa a Asociación Boa Vida está a dar traballo neste momento a 13 persoas nas dúas tendas coas que conta na cidade de Pontevedra e o local que veñen de abrir en Vilagarcía de Arousa. Traballadores e traballadoras chegados de Venezuela, como Lourdes, de Brasil ou de Colombia, e que agora teñen unha nova vida aquí en Galicia. Por iso os xoguetes que están a recuperar poden custar pouco pero teñen un valor inmenso detrás.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar