Longas ringleiras dende a madrugada para mercar o tradicional roscón de Reis
Longas ringleiras dende a madrugada para mercar o tradicional roscón de Reis
Nalgunhas confeitarías da Coruña as colas comezaron a formarse ás tres e media da mañá
Hai praceres que ben merecen un sacrificio, ou polo menos iso é o que pensan as persoas que desde moi cedo fixeron cola ás portas dalgunhas confeitarías da Coruña.
O roscón é o doce típico neste día de Reis e os máis afamados da cidade teñen tal éxito que hai quen está disposto a agardar varias horas na fila para cumprir coa tradición un ano máis.
Na confeitaría Glaccé, a ringleira comezou coller forma ás cinco e media da mañá e coas primeiras luces do día foi gañando metros e tempo de agarda.
Na confeitaría Flory, mesmo guión. Ás tres e media da mañá xa había xente na porta. Os que se puxeron na fila ás sete saíron co roscón pasadas as once. O negocio abriu hai case tres décadas e as colas nunca faltaron cada seis de xaneiro.
Os pasteleiros son incapaces de contabilizar cantos venderon durante este Nadal. Aínda que o fan todo o ano, hai un día no que non pode faltar. O seis de xaneiro o roscón é o rei.