Os Reis Magos enchen Galicia de agasallos para todos os gustos
Os Reis Magos enchen Galicia de agasallos para todos os gustos
Os máis pequenos madrugaron para gozar da mañá máis especial do ano
Despois de portarse ben todo un ano, ou case, esta mañá os máis pequenos da casa espertaban coma nunca: as súas maxestades cumprían coa súa cita anual e deixaban unha morea de agasallos.
Entre carpetas de Pikachu, mochilas novas e unhas botas de baloncesto, a cara da rapazada iluminábase por momentos.
Non faltaron os obsequios de toda a vida, eses que segundo pais e nais é cousa das súas maxestades, coma "un chándal dos maiores", nin tampouco os que cada ano marcan tendencia e que nunca están dispoñibles nas tendas.
Pero se teñen tempo, os Reis Magos tamén deixan detalles persoais, como algunha sinatura nun libro; mais se van con présa, porque a noite pasa rápido, deixan aos máis pequenos que se organicen entre eles, mesmo repartindo os agasallos.
Este ano semella que as súas Maxestades foron moi xenerosas e a rapazada amosábase moi emocionada contando o abano de agasallos recibidos.
Dende "unha boneca Rainbow High, unha Barbie e unha ruleta de texturas", que conta algún dos rapaces agasallados ata un xogo de "peixes aos que lles tes que meter unha boliña pola boca e que se pechan".
Cos Reis Magos descansando por fin, xa só queda desfrutar dos regalos e portarse ben, para que o ano que vén sexan aínda mellores.
Agasallos na rúa
Aínda que os Reis Magos deixaron moitos xoguetes de interior, nalgunha casa apareceron bicicletas, patíns, balóns e outros "artefactos" que había que estrear fóra.
Os parques e pistas deportivas de toda Galicia foron este sábado os mellores espazos para experimentar cos xoguetes novos, sobre todo, se tiñan dúas rodas.