Un mozo queda ferido de gravidade tras ser acoitelado á saída dun pub en Lugo
Un mozo queda ferido de gravidade tras ser acoitelado á saída dun pub en Lugo
Un traballador do servizo da limpeza entregou á Policía Nacional a suposta arma empregada na agresión
A vítima e a súa parella tiveran hai un tempo un enfrontamento cos presuntos autores que aínda non foron identificados
Na rúa xa non quedan indicios da lea que este sábado acabou cun mozo acoitelado nunha vía do centro de Lugo. Aconteceu á saída dun negocio nocturno situado na rúa Amor Meilán. Ao parecer, a vítima e a súa parella coincidiron no interior do pub cos presuntos autores do acoitelamento.
Coñecíanse con anterioridade e tiveran un enfrontamento hai tempo que xa parecía superado. Non debía ser tal porque o mozo foi agredido pouco despois. Causáronlle varias feridas e un traumatismo cranioencefálico.
O apuñalamento ocorreu pola noite e deseguida avisaron a policía. Varias patrullas acudiron ao lugar e daquela atoparon a vítima ferida. Foi trasladado ao Hospital Universitario de Lugo, onde quedou ingresado na UCI pola gravidade das súas feridas.
Xa pola mañá, un traballador da limpeza atopou o puñal, que entregou aos axentes. A moza da vítima dirixíase pouco máis tarde á comisaría de Lugo a presentar a denuncia. A Policía Nacional está a traballar no caso para identificar os autores do acoitelamento.