Un raposo frecuenta a entrada dun hotel en Vilalba, para goce dos clientes
Un raposo frecuenta a entrada dun hotel en Vilalba, para goce dos clientes
O animal non se asusta dos humanos e deixa que se acerquen, non que o toquen
Os clientes, sorprendidos, non perden a oportunidade de sacarlle fotografías
Hai en Vilalba un raposo que perdeu o medo aos humanos. Achégase con moita frecuencia ata as portas dun hotel na zona rural de Santaballa. Non se asusta da proximidade dos clientes, aínda que, iso si, non deixa que o toquen. Fíxose tan familiar no establecemento que ten ata nome: Sebas.
Pode ser Sebastián ou Sebastiana. Ninguén sabe o sexo do raposo. Permite a proximidade dos humanos, pero non tanto. Pero si que non pon impedimento para posar ante os clientes do hotel que queren retratar o encontro.
"Eu quería velo, pero non foi posible. Faríame moita ilusión, pero marcho coas ganas.
A ver se para outra vez que volva teño sorte e podo chegar a velo".
"É unha cousa que chama a atención aos clientes e logo coméntannos en recepción ou almorzando. Aos clientes gústalles moito velo porque, ademais, moitos viven en contornas urbanas".
O raposo, ou raposa, comezou a facer as súas aparicións polo establecemento hai xa algún tempo. Pouco a pouco foi collendo confianza.
"Ao principio revolvía nas papeleiras, pero co tempo comezou a achegarse. Non se deixa tocar, pero está acostumado á xente", asegura un empregado do hotel.
As súas aparicións son máis frecuentes cando escoita o balbordo dalgún evento. Algo sempre pode caer.
"Que siga vindo quere dicir que atopa o que busca. Aquí xa advertimos que non se pode alimentar fauna salvaxe", di o traballador.
Non é un caso estraño. Sen saír da provincia o restaurante do porto do Vicedo tamén recibe, case que a diario, a visita doutro raposo.