Os premios grandes da Lotería do Nadal deixan case 9 millóns de euros en Galicia
Os premios grandes da Lotería do Nadal deixan case 9 millóns de euros en Galicia
En Barbadás e Vigo venderon dúas series do segundo premio, o 40.014
O terceiro premio, o 11.840, reparte 3,7 millóns de euros na comunidade
Tamén tocaron no sorteo, emitido en directo, dous cuartos e tres quintos
Os premios grandes do Sorteo Extraordinario da Lotería do Nadal que se celebrou este domingo deixaron preto de 9 millóns de euros en Galicia, onde se repartiron dúas series do 40.014, agraciado co segundo premio, que se fixo esperar.
A diferenza de 2023, O Gordo non caeu esta vez na comunidade autónoma, pero a mesma administración que entón repartiu un dos décimos premiados volveu levar a sorte á clientela co segundo premio.
A Administración 27 de Vigo, situada na avenida das Camelias, tiña consignada unha serie (1.250.000 euros) e dos dez décimos vendeu, como mínimo, nove (1 millón de euros).
Para o loteiro, Rafael, foi "moi ilusionante" despachalos dese xeito e non dubidou en celebralo abrindo unha botella de champaña.
O mesmo fixo Beatriz, a loteira da Administración número 1 de Barbadás, "contentísima e emocionadísima" por vender unha serie do mesmo número.
A oficina estaba pechada e "non tiña moitas esperanzas", pero a sorte chegou a tempo para abrir o despacho e celebralo. Deu 1.250.000 euros deste segundo premio cantado na penúltima táboa, ás 13:30 horas.
Terceiro premio
O terceiro premio, o 11.840, tamén chegou a Galicia. En Lugo, Ferrol, Viveiro, O Grove, Vigo, Meira, Noia, Cortegada e O Porriño distribuíronse décimos deste número que deixa 3,7 millóns de euros na comunidade.
O groso tocou nun estanco da cidade de Lugo, situado no número 492 da Avenida da Coruña. Vendeu 25 décimos, o que significa que tocaron 1,25 millóns de euros.
Ademais, vendéronse series completas en locais de Ferrol (estrada de Castela, 93), Viveiro (Praza Maior, 6), O Grove (rúa Luís Seoane, 2) e Vigo (rúa Zamora, 58). Todas elas suman dous millóns de euros en premios.
No municipio de Meira, o estanco situado no número 14 da Praza Maior vendeu catro décimos deste terceiro premio, o que implica que tocaron 200.000 euros en total.
Décimos vendidos por máquina
A propietaria do estanco lucense que repartiu 1,25 millóns de euros co número 11.840, confirmou que os 25 décimos foron vendidos por máquina.
"Estamos moi contentos, ademais estáballo dicindo aquí ás compañeiras, oxalá demos un, e mira", di a loteira María Luísa Cobas, porque aínda é o segundo ano que venden lotería.
Non é consciente polo momento de ningún dos afortunados porque ao ser un estanco, o negocio permanece pechado este domingo, pero cre que son 25 décimos comprados por persoas "coñecidas" para repartir nas súas empresas, dado o elevado volume de boletos.
Cuartos premios
Os cuartos tamén deron sorte a Galicia. O 77.768 regou con preto de 2 millóns de euros 24 localidades. En Santiago vendeuse unha serie, outra en Caldas de Reis, outra en Vilanova de Arousa e tamén en Vigo.
A administración compostelá do Centro Comercial As Cancelas, Don Manolito, repartiu 200.000 euros.
"Vendemos un billete, 10 décimos. Vendémolos aquí e xa coñecemos dous agraciados que viñero. Un chamounos para confirmar e presentouse aquí. Xa traía o carné de identidade para cobralo. Agradécese a ilusión e que che veñan dicir grazas! É un cuarto que son 20.000 euros ao décimo pero que nos tempos que vivimos tapan un buraquiño", asegura Manuel Blanco, xerente do local.
Outro cuarto, o 48.020, deixou 460.000 euros en Galicia, case a metade (200.000 euros) en Culleredo.
"Foi unha serie deses décimos que nos mandan soltos. Nove vendémolos aquí e un por Internet", relata Francisco, loteiro da Administración número 1 de Culleredo.
Este número tamén trouxo alegría a Vigo e O Grove.
"É a recompensa do noso traballo e poñémoslle moitísimo cariño. Todo o mundo volve, volve pero non cando estades vós", asegura Maica Filgueira, loteira da Centola Dourada de Moreno, no Grove.
Quintos premios
Dos quintos premios, con 6.000 euros por décimo, o 74.778 deixou 180.000 euros en municipios como A Coruña, Nigrán, Foz, Lugo, Ribadeo, Ourense, O Porriño ou Barro.
Parte do primeiro quinto en saír, o número 37876, vendeuse na cidade de Lugo. O que se fixo máis de rogar, o 60.622, tamén deixou algo da súa fortuna en Ourense e na Coruña.
"Este 60.622 sorprendeunos cun quinto premio. Dez décimos vendidos, nove por ventaniña e un pola Internet, pero todos vendidos. 60.000 euriños", din desde un dos despachos que repartiu a sorte.
Premios por provincias
Por provincias, na Coruña excedéronse os 2.400.000 euros en premios; en Lugo superáronse os 2.200.000 euros, cantidade que se rozou en Pontevedra, mentres que Ourense quedou en preto de 1.800.000.
As vendas deste sorteo medraron un 6,82 % en Galicia respecto a 2023, cun total de 222.449.860 euros, segundo informa a Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado (Selae). Na comunidade, o gasto por habitante foi de 82,51 euros.