Un terremoto de 7 graos de magnitude causa danos pero non vítimas no Perú
Un terremoto de 7 graos de magnitude causa danos pero non vítimas no Perú
O último sismo devastador, de 7,9 graos, causou en 2007 uns 500 mortos e perdas millonarias en infraestruturas e vivendas
Un sismo de magnitude 7 sacudiu a madrugada deste venres o sur do Perú. O epicentro situouse na rexión de Arequipa, que alberga a cidade máis poboada do país.
Segundo o reporte do Instituto Geofísico del Perú (IGP), o movemento telúrico produciuse a unha profundidade de 42 quilómetros. Tivo unha intensidade VI na escala de Mercalli, o que implica que se percibiu como "forte" para os habitantes da zona.
As autoridades da rexión de Arequipa, onde se produciu o tremor, afirman que o sismo provocou a caída de paredes dalgunhas vivendas e danos en estradas, pero non se ten información de vítimas mortais.
O primeiro ministro de Perú, Gustavo Adrianzén, recalca que o sismo causou danos materiais pero, ata o momento, non se reportan vítimas mortais. "A Deus grazas, ata esta hora non temos rexistradas vítimas fatais", declarou Adrianzén á emisora RPP.
O mandatario reiterou o seu chamamento "á calma e tranquilidade", e pediulle á cidadanía que manteñan as medidas de seguridade xa que, a pesar de descartarse un tsunami, é posible que na costa se produzan ondadas anómalas.
Tras o sismo de magnitude 7.0 que se produciu ás 0:36 horas (5:36 GMT) fronte ao distrito costeiro de Yauca, reportáronse outro dous movemento telúricos de 4.0 e 4.2 na mesma zona.
O Perú está situado nunha rexión coñecida como o Cinto de Lume do Pacífico, onde se produce máis do 80 % da actividade sísmica mundial.
O último terremoto devastador no país produciuse fronte á cidade costeira de Pisco en agosto de 2007, cando un movemento de magnitude 7,9 golpeou a localidade e toda a rexión de Ica, causando máis de 500 falecidos e perdas millonarias en infraestruturas e vivendas.