Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xubilado vigués deseña e constrúe beléns de Nadal con material de reciclaxe

Un xubilado vigués deseña e constrúe beléns de Nadal con material de reciclaxe

A súa vocación comezou hai cincuenta anos, decorando o escaparate da mercería que rexentaba coa súa muller na Travesía de Vigo

Agora elabora unha decena de beléns cada ano, para igrexas, centos sociais e incluso encargas de particulares

G24.gal 23/12/2024 20:54 Última actualización 23/12/2024 22:06

A vocación belenista de Carlos Estévez comezou hai medio século cando rexentaba unha pequena mercería coa súa muller, que quería instalar un belén. "O seu pai estaba enfermo e entón trouxemos as figuras para a tenda. E aquí montamos o primeiro belén, pero apenas tiña un metro", di Carlos.

Figura á figura, a afección foi medrando e as pasaxes do nacemento acabaron por ocupar todo o escaparate, cunha superficie duns quince metros cadrados. "Dende entón todos os anos o facemos. En vez de agasallarnos xoias ou diamantes, a miña muller mais eu regalámonos figuras. E así vai medrando o belén", comenta Carlos ante o nacemento que exhibe no comercio que rexentaba na Travesía de Vigo.

Coas teas sobrantes da tenda, confecciona a roupiña das figuras. Todo o material que emprega nas construcións é reciclado. Incluso os mecanismos que fai mover as noras, roldanas ou folóns. "Cos panos, calcetíns ou pixamas que xa non se vendían, miña muller confeccionaba a roupa para os personaxes. Os motores das lavadoras ou dos microondas fan mover os mecanismos dos pozos e os muíños. E as casas e os muros son feitas con caixas de porespán do peixe e da froita", sinala o belenista autodidacta.

A súa sona viaxou máis aló da Travesía de Vigo e agora son moitos os que o reclaman para que monte o belén en igrexas, centros sociais e acepta encargas de particulares. "O ano pasado fixen once, e este ano levo oito".

Xubilado da mercería, que herdou súa filla, Carlos aplícase agora en confeccionar mundos en miniatura coa destreza dun costureiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar