Un xuíz británico retira o cargo por desorde pública contra Greta Thunberg
Un xuíz británico retira o cargo por desorde pública contra Greta Thunberg
O maxistrado asegurou que os feitos "están tan pouco claros que son ilegais"
Un xuíz británico retirou este venres os cargos contra Greta Thunberg e outros ecoloxistas por desorde pública nunha manifestación contra os combustibles fósiles na que foron detidos, ao considerar que a policía aplicou condicións "ilegais" ao efectuar os arrestos.
A activista sueca de 21 anos xunto cos outros catro acusados, compareceron por segundo día consecutivo ante a Corte de Maxistrados de Westminster por mor da súa implicación nunha protesta o pasado 17 de outubro. Os actos tiveron lugar fronte a un céntrico hotel de Londres, onde se desenvolvía un foro de altos directivos de corporacións enerxéticas.
Tras emitir o seu ditame, o xuíz John Law atopou "deficiencias" nas comunicacións dos axentes á hora de lidar cos activistas. O maxistrado considerou que os policías "impuxeron medidas non razoables" para que os ecoloxistas puidese acatar as instrucións policiais.
"Quédame claro que as condicións foron impostas de maneira innecesaria", afirmou o maxistrado, provocando un forte aplauso e aclamacións por parte de familiares e amigos que seguiron o caso dende a galería do público cando declarou que retiraba os cargos.
Tras escoitar durante dous días os testemuños de axentes da Policía Metropolitana de Londres, que xestionaron a operación de seguridade durante a manifestación e os argumentos esgrimidos polo letrado da Fiscalía, Luke Staton, Law optou pola retirada dos cargos "porque están tan pouco claros que son ilegais".
Segundo explicou o xuíz, calquera dos activistas "que non acatou as condicións policiais, non estaba a cometer ningún delito", debido á pouca claridade coa que se emitiron esas directrices.
"Resúltame bastante rechamante que non houbese testemuñas por parte de ninguén dentro do hotel, onde había unhas mil persoas, ou de ninguén que tentase entrar; nin tampouco evidencias de vehículos, nin tampouco evidencia de que se producisen interferencias nos servizos de emerxencia", sinalou.
Thunberg xa se declarou non culpable de crebar a Sección 14 da Lei de Orde Pública xunto cos outros activistas.
Ao longo da vista deste venres, o xuíz escoitou os argumentos do equipo legal da defensa, que sostivo que as evidencias proporcionadas "non son claras". A defensa asegurou que os policías non foron específicos nas súas "comunicacións" cos activistas que protestaban ante o hotel Intercontinental en Mayfair, en canto ás indicacións do que debían facer e onde debían desprazarse.
O letrado Rad Chada argumentou que os policías despregados tampouco deron tempo suficiente para que abandonasen a zona, co que os manifestantes "non sabían nin podían saber que é o que podían ou non podían facer".
Pola contra, o letrado Luke Staton, da Fiscalía, mantivo que "hai evidencias que apuntan a que os acusados con culpables" de orixinar desorde pública.
Para xustificar as detencións dos activistas, tachadas pola defensa de "desproporcionadas", Staton lembrou que a policía "creu de maneira xenuína que se produciu unha alteración grave na comunidade".
Staton engadiu que dentro do hotel, cuxos accesos bloqueaban os activistas, "había unhas mil persoas, entre hóspedes e delegados (do foro enerxético), que non podían saír, e algúns tiñan que coller voos".
Tamén engadiu que os arrestos se levaron a cabo despois de que os axentes probasen "outras tácticas que non tiveron ningún éxito" para tratar de despexar a manifestación.
A pesar de que sinalou que "a lexislatura é clara" e determina que se debe dar tempo suficiente para acatar instrucións policiais antes de efectuar arrestos, "os activistas deixaron moi claro que se ían quedar onde estaban" cando se lles pediu que despexasen o lugar.
A activista Maja Darlington, de Greenpeace, considerou a través dun comunicado que o veredicto deste venres é "unha vitoria para o dereito a protestar". Tamén agregou que é "ridículo que cada vez máis activistas climáticos se atopen en tribunais por exercer de forma pacífica o seu dereito para manifestarse" mentres os xigantes enerxéticos se lucran vendendo combustible fósil.
Os acusados enfrontábanse a sancións económicas duns 2.900 euros cada un.