Unha burelesa de 71 anos é Miss Avoa Galicia
Unha burelesa de 71 anos é Miss Avoa Galicia
Participou no certame como un reto fronte a fibromialxia
O xurado valorou o seu bo carácter e predisposición
Mariluz Arnau posa fronte ao mar da Mariña luguesa, a comarca que quixo representar no certame de Miss Avoa Galicia en que quedou gañadora. Con 71 anos, era a maior das participantes. Unha preparación rigorosa, o seu bo carácter e un fino sentido do humor levárona ao máis alto. Agora goza do éxito conseguido.
A de Mariluz é unha historia de superación persoal. Tivo que prexubilarse por padecer fibromialxia, unha doenza que aínda hoxe a afecta. Decidiu non dobregarse ante a enfermidade e participar no certame foi unha terapia en forma de reto. Contou tamén co apoio da súa filla e as súas dúas netas.
Agora quere dedicar máis tempo á moda e aos complementos. Algo que sempre a atraeu pero no que nunca puido afondar.
Mariluz xa se prepara agora para novos certames e insiste en que a boa actitude é máis importante que a beleza física.