Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varias localidades galegas viven unha noite tropical con máis de 20ºC

Varias localidades galegas viven unha noite tropical con máis de 20ºC

O vento forte do sur arrastra o aire quente

Este luns recupéranse os valores propios da época

G24.gal 24/11/2024 13:42

En Galicia non hai moitas noites no verán tan cálidas coma a que acabamos de pasar, a unha semana de poñerlle fin ao mes de novembro. Apreciouse sobre todo en puntos da Mariña e nas Rías Baixas. En Vigo, por exemplo, roldaron os 24 graos.

"Quitamos as mantas porque ía calor. E agora mira que tempo, vai calor pero moito vento. Parece que imos voar", di unha muller.

Precisamente foi o vento forte do sur o que arrastrou o aire quente. Ás nove da mañá, en Marín ían 25 graos; en Arteixo, 23; e outros tantos en Ribadeo, por poñer algúns exemplos.

"É sensación de verán, sensación de cambio climático. Non sabemos co que nos podemos atopar nin no verán nin no inverno", opina un home.

"Creo que altera a natureza e os corpos, e é produto directo do que facemos os seres humanos. Penso que nos ten que levar a reflexionar un pouquiño sobre a situación en que temos o planeta", subliña unha muller.

Para este luns prevense xa valores propios para a época. De feito, nalgunhas localidades vaise rexistrar unha caída da temperatura de máis de dez graos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade