É necesario tomar precaucións polo vento e a chuvia porque poden ser fortes en momentos puntuais
É necesario tomar precaucións polo vento e a chuvia porque poden ser fortes en momentos puntuais
Aínda que non están prohibidas as actividade ao aire libre deben evitarse os deportes de montaña e os náuticos
A AXEGA recomenda limitar os desprazamentos e extremar a precaución nas estradas
Ante a situación meteorolóxica da fin de semana e a que se prevé para as próximas horas, a Direccion Xeral de Emerxencias insiste en extremar as precaucións para reducir os riscos tanto en terra coma no mar e nos paseos marítimos.
Non están suspendidas todas as actividades ao aire libre pero moitos concellos si acoutaron aquelas que podían ter perigo por caída de árbores ou mobiliario urbano.
Os avisos das axencias de meteoroloxía e das autoridades repítense a través de todos os medios, porque, aínda que as condicións non sexan extremas, as medidas de precaución seguen sendo necesarias.
"Esta é unha borrasca como moitas das que temos en Galicia. É verdade que a nosa cidadanía está afeita a estes fenómenos e os consellos téñenos asumidos", asegura Marcos Araújo, xerente da AXEGA
Con todo, os servizos de seguridade traballaron durante toda a mañá para evitar situacións de risco porque a cidadanía, animada polas boas temperaturas, non amosaba moita precaución. Así que foi necesario obrigar a desmontar mercados no exterior, sinalizar lugares de risco como parques ou paseos e supervisar o estado do mobiliario urbano.
"O que estamos tendo son incidencias por caídas de árbores e de obxectos desde os balcóns. É necesario fixar os guindastres nas construcións por mor do vento. Na circulación a recomendación é aumentar as distancias de seguridade, moderar a velocidade e agarrar ben o volante para evitar o efecto dos refachos de vento", insiste Araújo
Tamén insisten en tomar precaucións nas próximas horas por chuvias fortes e no caso das actividades ao aire libre, evitar a práctica de deportes náuticos e de montaña.