Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca explosiva Bert activa distintos avisos por chuvia e vento en toda Galicia

A borrasca explosiva Bert activa distintos avisos por chuvia e vento en toda Galicia

Xa se rexistraron ventos de máis de 150 quilómetros por hora en Vimianzo

O litoral está en aviso laranxa por ventos fortes, e haberá refachos de máis de 100 km/hora en puntos altos e amplíase á Mariña e á montaña de Ourense

A chuvia intensa con avisos laranxas e amarelos chegará pola tarde no litoral da Coruña, no de Pontevedra e no sur desta provincia

Desde as 18 horas e ata a medianoite poden acumularse precipitacións de ata 40 litros por metro cadrado, e de 20 litros nunha hora

Emerxencias pídelle á poboación que extreme as precaucións

 

Caída de ramas na Coruña polo temporal de vento este sábado
G24.gal 24/11/2024 12:28 Última actualización 24/11/2024 13:37

A borrasca Bert está a deixarse sentir en Galicia con ventos intensos desde as primeiras horas do domingo. Trátase dun ciclón extratropical de grande extensión e profundidade.

A inestabilidade atmosférica vai ir a máis conforme pase a xornada. Unha fronte asociada á borrasca chegará a última hora da tarde.

Os ventos xa superaron os 150 quilómetros por hora na estación de MeteoGalicia na Gándara, en Vimianzo, e tamén se rexistraron refachos superiores aos 130 quilómetros por hora en zonas de Coristanco. Lousame e Arteixo.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou avisos laranxas na Coruña e Pontevedra por chuvias,  e ampliou o aviso laranxa por vento na Mariña e na montaña de Ourense. O fenómeno meteorolóxico adverso por chuvia comezará a primeiras horas da tarde no noroeste, oeste e sueste da Coruña, nas Rías Baixas e a bacía do Miño de Pontevedra. 

Desde as 18:00 horas e ata a medianoite vanse acumular ata 40 litros por metro cadrado, pero nunha hora poderían recollerse ata 20 litros. As autoridades pídenlle á poboación que extreme as precaucións nos desprazamentos por estrada e que se evite achegarse a diques, rompentes ou paseos marítimos.

As zonas máis complicadas a priori, con 80 litros por metro cadrado en 12 horas, 30 litros nunha hora van ser no litoral, nas Rías Baixas, e en comarcas do Miño, tanto en concellos do Baixo Miño. Oia, Tui, A Garda, coma en concellos do Condado coma Salvaterra de Miño. Aquí o risco para as persoas será importante e por iso se eleva a alerta a laranxa a partir das catro da tarde.

Agás o sur de Lugo e o oeste de Ourense toda a comunidade estará en aviso amarelo por ventos superiores aos 80 quilómetros por hora e laranxa no suroeste da Coruña por refachos de máis de 100.

O mar combinado do noroeste con ondas que chegarán ata os seis metros de altura deixará unha situación complicada na costa.

A situación obrigou a pechar en moitos lugares parques, xardíns ou accesos a praias por precaución e o derbi de fútbol xuvenil entre o Celta e o Deportivo quedou aprazado.

As temperaturas están a ser anormalmente altas para esta época. O luns Galicia quedará nunha situación de ballóns, pero con ventos máis frouxos. As temperaturas descenderán de xeito notable, e por exemplo na Coruña e Santiago a caída das máximas será de ata cinco graos e en Lugo non van pasar dos 12 de máxima.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade