Unha campaña para atraer familias a Friol dispara a natalidade deste concello
Unha campaña para atraer familias a Friol dispara a natalidade deste concello
Con apenas 4.000 habitantes, en 2024 rexistráronse unha trintena de nacementos
Carmen e Diego naceran en Friol, pero tiveran que marchar por motivos laborais. Hai sete anos, puideron retornar, e agora xa teñen dous pequenos. Segundo afirman, fundar unha familia resultoulles máis levadío ca noutros lugares grazas a servizos coma unha escola infantil pública.
Diego Ceide, pai dunha nova familia: "Vir para aquí é ter máis tranquilidade e liberdade. Os nenos deixalos na gardería e sabes que tes unhas horas de respiro en que podes facer cousas".
Carmen Amil, nai dunha nova familia: "Sobre todo a gardería, que é o que máis uso lle estamos dando. E encantados con iso".
Coma eles, outras parellas optaron por criar os seus fillos en Friol, que se mantén entre os concellos lucenses cunha maior cifra de nacementos por terceiro ano consecutivo.
Segundo as autoridades locais, este aumento da natalidade é resultado dunha campaña dirixida a asentar poboación no rural.
José Ángel Santos, alcalde de Friol: "Madrugadores ofrece o servizo de oito da mañá a oito da tarde, imos ter 51 prazas na nova escola infantil, dámoslles unha cesta de benvida aos nenos que nacen e temos unha subvención nominativa de mil euros por nacemento".
En 2024, rexistráronse 29 nacementos en Friol, que apenas ten 4.000 habitantes. Isto supón unha taxa de natalidade de 7,5 puntos, que mesmo supera a media estatal.