Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cable de cobre e pequenos apeiros agrícolas, o máis roubado nas áreas rurais

Cable de cobre e pequenos apeiros agrícolas, o máis roubado nas áreas rurais

Os equipos ROCA da Garda Civil están especializados na investigación de delitos no rural 

Imaxe da operación Copperberry, con 10 detidos polo roubo de máis de 5.000 quilos de cable telefónico
G24.gal 25/04/2025 14:13

A Garda Civil creou os equipos ROCA (Roubos no Campo) en 2013, para investigar roubos de gando ou de colleitas. Eran delitos máis frecuentes en zonas de latifundio, así que en Galicia axiña foron mudando as funcións.

"En Galicia o tema era diferente, pola xeografía, pola dispersión da poboación" explica un axente do Equipo ROCA de Santiago.

Por estas condicións especiais, aquí pasaron "de ser dun corpo de prevención no rural a ser unidades investigadoras". Traballan de incógnito, e a medio camiño entre as patrullas de seguridade cidadá e a Policía Xudicial.

O que máis atenden son delitos contra o patrimonio. O que máis se rouba aquí, falando de roubos "ao descoido" son pequenos útiles de labranza, como as motoserras.

"Todo tipo de aparello de fácil colocación no mercado de segunda man", explica o axente. 

Pero tamén traballan aquí bandas organizadas, que rouban ese material en naves e empresas. 

"Fan un percorrido previo ás instalacións, para recoñecer o terreo. Xa van cunha premeditación, cunha vía de chegada, unha de escape e unha colocación do produto", explica.

O cable de cobre tamén é agora obxecto de desexo para moitos deses especialistas. Son bandas itinerantes, e veñen buscando zonas recónditas para daren os golpes. "Móvense por todo o territorio", conta o axente do ROCA Santiago. Explica como, "usando ferramentas como Google Earth", localizan áreas afastadas e "chegan a valorar incluso o calibre do cable que van cortar".

Os Equipos ROCA, distribuídos polas catro provincias, investigan eses delitos. A dificultade é que son en zonas illadas, sen cámaras de vixilancia nin testemuñas. Por iso piden colaboración da veciñanza, para que sexan os seus ollos alí. 

"Moitas veces axuda unha chamada o 062 para informar de calquera persoa foránea, que non sexa da contorna da aldea; ou coches que vaguen por alí sen sentido", di. "Toda información suma", conclúe.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade