Unha delegación chinesa visita Galicia para abrir contactos comerciais no sector leiteiro
Unha delegación chinesa visita Galicia para abrir contactos comerciais no sector leiteiro
Empresarios, autoridades e investigadores da provincia de Shaanxi fan xira por Europa, e escolleron a planta de proteínas de Curtis para a súa primeira visita
Son industriais do sector leiteiro, representantes das administracións ou investigadores universitarios. Veñen da provincia chinesa de Shaanxi para visitar as empresas lácteas máis punteiras de Europa, e escolleron unha galega para parar en España.
"Somos a décima rexión en produción de leite en Europa" di Alfonso Rivas, da Fundación Juana de Vega. Asistiu ao encontro para falarlles da investigación e a innovación no noso sector, que ten "unha industria láctea avanzada e das mellores granxas de Europa", afirma.
Líderes en Europa tamén son na empresa que visitaron. InLeit naceu en Curtis en 2020 para extraer do leite os ingredientes de maior valor engadido: obteñen proteínas con funcionalidades específicas, e diríxenas a un mercado internacional.
Tristán Jusué, o director corporativo, explica que exportan "arredor do 80 % da produción", sobre todo a Europa. Cre que algunhas das proteínas que fabrican, dirixidas a "mercados moi concretos" como o da nutrición médica, poderían ter un "enorme potencial" no mercado chinés.
A produción leiteira chinesa cuadruplicouse neste século, pero seguen sendo importadores, así que hai unha oportunidade de negocio para a industria galega. "É un mercado moi interesante" di Covadonga Toca, directora do Igape. "Este tipo de novos produtos derivados do leite son os que están marcando tendencia en materia de exportacións", engade.
A planta de Inleit en Curtis prevé procesar este ano cousa de 300 millóns de litros de leite galego. Teñen a ambición de seguir abrindo mercados, e chegar axiña ás 450.000 toneladas.