Unha galega na presidencia do Banco da Unión Europea, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Unha galega na presidencia do Banco da Unión Europea, por Venancio Salcines
Son poucas as persoas que coñecen o Banco Europeo de Investimentos (BEI), pero son bastantes as que coñecen o Instituto de Crédito Oficial, o ICO, indico isto porque en certa maneira son o mesmo, de feito o ICO con bastante frecuencia recibe financiamento do BEI, que despois o sistema financeiro traslada ás empresas españolas. Os dous son bancos públicos, un da Unión Europea e o outro do Estado español.
Tamén é posible que vostede non coñeza o nome do presidente do ICO, como non coñecería o do BEI se non fose porque será a nosa vicepresidenta Calviño. Ambas son entidades de crédito, que non de depósito, e loxicamente ambas executan as políticas crediticias dos seus órganos de control, e estas non son políticas comerciais senón políticas económicas de Estado. E aquí empezan algunhas diferenzas, o ICO está vencellado a unha soa cor política, a un ministerio de economía, a un goberno, e o BEI ó seu consello de gobernadores, que está formado polos ministros que designen os estados membros.
Actualmente, o seu obxectivo principal é triplo. Por un lado, financiar aquelas medidas que estean englobadas na axenda económica da Unión Europea, especialmente as vencelladas coa transición ecolóxica, a loita contra o cambio climático e a descarbonización. En segundo lugar, investimentos que desenvolvan a integración económica e a cohesión social das nacións da Unión no marco europeo e, en terceiro e tamén en menor lugar, o fomento das políticas da Unión noutros países. Neste eido, sería previsible que o día que Ucraína alcance a paz con Rusia se fortaleza cunha axenda de recuperación e unha boa parte do financiamento necesario procederá do BEI.
Politicamente, o nomeamento de Nadia Calviño pode verse como un apoio á política económica de Sánchez, o certo é que a vicepresidenta Calviño sempre foi das ministras mais apoiadas do seu goberno e o seu desgaste era menor. Dito isto, unha entidade de crédito como o BEI exerce un papel meramente instrumental, baseado en trasladar, nun marco político aprobado, financiamento ós estados e ó tecido empresarial. Os movementos mais arriscados da súa presidencia deberán estar sempre apoiados polo Consello de Gobernadores, non hai lugar para liderados personalistas. O cal non quere dicir que non debamos estar satisfeitos porque unha galega dirixa a que é posiblemente a entidade financeira multilateral máis importante do mundo.