Unha panadería de Sarria exhibe documentos antigos relacionados coa alimentación
Unha panadería de Sarria exhibe documentos antigos relacionados coa alimentación
Amósase o importe dun menú benéfico na guerra ou o custo da fariña na ditadura
Coma nunha viaxe ao pasado, nunha exposición de Sarria pódese volver aos tempos das cartillas de racionamento e do estraperlo posteriores ao golpe de Estado de Franco.
Na mostra, realizada por unha panadería da vila, pódese comprobar o importe de 60 céntimos de peseta dun menú benéfico a comezos do ano 39 ou o custo da fariña na posguerra.
Son unha morea de documentos antigos os que se amosan nos escaparates e no museo da tafona. Neles dáse a coñecer canto custaba daquela ter un anaco de pan que poder levar á boca.
Javier Fernández, panadeiro: "É retroceder 90 anos. Podemos observar o que valían naquel momento os produtos máis básicos para subsistir e comparalos cos que temos hoxe".
Entre os documentos doutras épocas que atesouran neste negocio sarriao figuran moedas e billetes antigos, algúns mesmo do século XIX, escrituras de comezos da pasada centuria ou décimos de lotería da ditadura franquista.
Todos eles chaman a atención dos transeúntes, sobre todo dos que lembran aqueles tempos de escaseza.
Javier Fernández, panadeiro: "É moi vista e comentada, en especial por persoas de avanzada idade que viviron aqueles momentos tan difíciles".
A exposición poderá visitarse na centenaria panadería Pallares ata fin de mes.