Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha rúa peonil do centro de Lugo leva 25 anos cortada

Unha rúa peonil do centro de Lugo leva 25 anos cortada

Os comerciantes e hostaleiros do recinto histórico reclaman a reapertura desta vía pública

Félix Aragunde 12/09/2023 13:47

A rúa do Moucho, no recinto histórico lugués, leva case un cuarto de século cortada ao tránsito peonil. Pechárase en 1999 cando comezaran as obras de rehabilitación do pazo de Montenegro, e dende aquela non se volveu abrir.

Dende a asociación de empresarios Lugo Monumental puxeron o caso en coñecemento da Xunta e do Concello xa o ano pasado, pero polo momento todo segue igual, co paso por este tramo da rolda interior da muralla interrompido.

Luis Latorre, presidente de Lugo Monumental: "O Portón é un dos negocios máis afectados. Para acceder, hai que dar unha volta terrible, o que disuade a xente de acudir ao local. E atínxenos a todos á hora de preservar o patrimonio común".

A vía afectada comunica directamente o barrio da Tinería coa praza de Pío XII, onde se encontra a fachada principal da catedral de Lugo, e por onde discorre o Camiño Primitivo a través da muralla romana. Coinciden neste punto, por tanto, ata tres bens catalogados como Patrimonio da Humanidade.

Luis Latorre, presidente de Lugo Monumental: "Se queremos coidar o patrimonio, cómpre comezar polas cousas máis básicas. E a primeira de todas é que non se apoie unha cousa na propia muralla, danándoa de xeito evidente".

Doutra banda, ao carón do peche encóntrase un edificio en estado ruinoso que leva anos apontalado. Segundo a Administración local, o conflito pola propiedade deste inmoble motiva a tardanza en reabrir unha rúa cortada dende o século pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade