A veciñanza logra frear a instalación dunha antena de telefonía nunha aldea de Ribeira
A veciñanza logra frear a instalación dunha antena de telefonía nunha aldea de Ribeira
O Goberno municipal apoia o rexeitamento de veciños e veciñas da Lomba á construción dunha antena de 43 metros de altura preto das casas e do colexio
A obra para instalar neste terreo da Lomba, no concello de Ribeira, unha antena de telefonía de 43 metros de altura quedou paralizada este luns cando chegou a estrutura metálica. Os veciños plantáronse e obrigaron a retirar o material despregado. Chicho é dos máis prexudicados polo proxecto e fala dos prexuízos de saúde e ambientais que suporía a execución do proxecto.
A veciñanza pediu acción do Goberno municipal de Ribeira. O alcalde apoiounos e, tras detectar deficiencias administrativas para a execución da obra, busca outra localización para a antena.
"Que a afasten da vila", piden veciños como María, Francisco ou Josefa.
Ao parecer a antena proxectada sería para mellorar o sinal de telefonía e datos na parte de Palmeira máis próxima ao mar, porque na Lomba, aseguran, hai boa conectividade. Agora, o Goberno municipal anda á procura e pide colaboración para encontrar outro emprazamento para a antena.