Veciños de Padrón denuncian a presenza de fendas nas casas debido ao paso do tráfico sobre as lombas
Veciños de Padrón denuncian a presenza de fendas nas casas debido ao paso do tráfico sobre as lombas
Veciños de Padrón denuncian a presenza de fendas nas casas debido ao paso do tráfico sobre as lombas
Foron instaladas o pasado agosto no barrio de Trabanca co obxectivo de reducir a velocidade, pero provocan vibracións cando os vehículos pasan sobre elas
O Concello di que as obras foron mal executadas e comprométese a retiralas e a enviar técnicos para avaliar a situación das vivendas
Fendas tanto no interior como no exterior das vivendas: en paredes, fachadas e mesmo no chan. Esta é a denuncia que realizan os veciños da rúa de Santiago, en Padrón. Din que as vibracións que producen os vehículos ao seu paso polas lombas instaladas na rúa o pasado agosto fan tremer as paredes das casas do barrio de Trabanca.
As lombas en cuestión instaláronse na vía o pasado mes de agosto e pretendían reducir a velocidade no tramo e conseguir máis seguridade para os peóns. Di a veciñanza que non solucionaron de todo o problema e trouxeron consigo outros: vibracións, fendas, ruídos e mesmo nalgunhas casas cóase a auga.
Recoñecen que os problemas nesta vía xa veñen de atrás, en concreto desde o ano 2021, cando se acometeron unhas obras de cambio do firme. Amais, o paso de vehículos pesados, que circulan por este tramo malia estar restrinxido, agrava os problemas.
Desde o Concello de Padrón din que foron mal executadas e concibidas esas obras. Comprometéronse a retirar as lombas, así como a que os técnicos avalíen a situación nas vivendas antes de que remate o ano. Mentres, os veciños están a recoller sinaturas entre a veciñanza, que entregarán nuns días no Concello para esixir solucións definitivas.