Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cortizo inaugura o Campus Tecnolóxico, que aspira a ser referente mundial en fachadas

Cortizo inaugura o Campus Tecnolóxico, que aspira a ser referente mundial en fachadas

A multinacional do aluminio investiu 40 millóns na súa construción e nel traballarán máis 250 arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros, deseñando fachadas para edificios de todo o mundo

G24.gal 17/09/2024 14:50

Cortizo inaugurou este martes en Padrón o seu novo Campus Tecnolóxico, que aspira a ser un referente internacional na construción de fachadas á medida. A multinacional do aluminio investiu 40 millóns de euros na súa construción e nel traballarán máis 250 arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros, deseñando fachadas para edificios de todo o mundo.

O Campus Tecnolóxico Cortizo ten 46.000 metros cadrados de áreas verdes e un complexo de 25.000 metros cadrados, repartidos entre o edificio de investigación, o laboratorio para ensaios e un edificio social con auditorio, restaurante, ximnasio e aulas de formación. Un "polo de innovación", destacaron na empresa, no rural galego.

"Falamos tamén dun proxecto de inmigración á inversa, que lles abre as portas aos fillos e fillas dos emigrantes dos 80 que naceron en Suiza, Francia, Alemaña ou o Reino Unido e que agora de regreso á terra atopan aquí a súa oportunidade laboral grazas aos coñecementos adquiridos, o dominio doutras linguas e á súa visión internacional da sociedade", explicou Miriam Cortizo, directora e arquitecta do Campus Tecnolóxico.

Na inauguración das instalacións, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou tamén a aposta por reter e atraer talento. Asegurou ademais o apoio da Xunta a proxectos empresariais que impulsen en Galicia unha industria máis innovadora e sostible.

"É unha aposta mutua, a de Cortizo por confiar na tramitación que lle puideramos facer e da Xunta por confiar en que as cousas ían saír ben. Creo que é a demostración de que en Galicia hai talento e vocación de continuidade e todo isto é un tesouro que temos que acompañar", afirmou Alfonso Rueda.

Desde Padrón deseñaranse envolventes de edificios á medida e adaptadas ás normativas e características de cada país, capaces de resistir furacáns, terremotos ou incendios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade